Carmen R. Dacosta reclama a mellora das axudas aos afectados pola vaga de lumes do verán mentres o PP “non quere cambiar nada” e o goberno galego “improvisa, oculta e repite erros”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu hoxe que a “neglixencia política consciente” do goberno galego está detrás da vaga de incendios deste verán. A responsable socialista cualificou de “inadmisible” que o PP rexeitara a proposición non de Lei que levou ao Pleno do Parlamento para mellorar as axudas ás persoas afectadas polos incendios.
A responsable socialista denunciou que o goberno galego poña enriba da mesa unhas ordes de axudas que “deixan fóra centos de explotacións, apicultores, produtores de castaña e familias que o perderon todo”, ao tempo que “deixan abandonados aos concellos”. Criticou que “quen se opón a mellorar as axudas defende o abandono como modelo”, porque “non queren cambiar de modelo ni asumir responsabilidades” pola peor vaga de lumes dende que hai rexistros.
Sinalou que as axudas da Xunta resultan “insuficientes, inxustas e cargadas de burocracia”, que condenan aos afectados a enfrontarse a “prazos imposibles, tramitación telemática excluínte, que non dan cobertura ao lucro cesante e uns límites lonxe da dimensión real dos danos. Dacosta esixiu con esta iniciativa “medidas concretas” en base maos criterios de xustiza e proporcionalidade para que o rural non quede abandonado despois do lume”.
Na proposta, pediu revisar e ampliar o tope de 15.000 euros para alimentación de gando, estender as axudas máis alá do límite de seis meses, corrixir a complementariedade co seguro privado, ou recoñecer perdas de produción en froiteiras co indemnizacións plurianuais, apoiando tamén ao sector da castaña de Ourense. Tamén reclamou incluír a perda de superficie de pastoreo como dano indemnizable e garantir a percepción dos recursos da PAC 2025-27 nas zonas catastróficas.
Reclamoulle ao goberno galego que active de inmediato o adianto de 45 millóns de euros que enviará o Estado como anticipo da PAC, logo de que o ministro de Agricultura conseguira autorización da Comisión Europea para incrementar ata o 70 por cento estes adiantos. Explicou que un total de 10 millóns de euros corresponderán ao vacún de carne e os restantes 35 para vacún de leite, e agora lle corresponde á Xunta decidir o importe e o momento do pago.
Dacosta advertiu que as axudas “non son unha medida de gracia de Rueda nin van saír do seu peto”, senón dos recursos de tódolos galegos e galegas, e afeoulles que “vaian fachendear de ter solucións efectivas cando son os responsables” da vaga de lumes. Afeoulle que teñan presumido de conceder 42 axudas dun total de 137 solicitudes –“que récord”, ironizou-, e preguntou se en realidade estaban pagadas.