Carlos López Font esíxelle que “defenda os intereses de Galicia diante da Comisión Europea” Popular” e reclama colaboración institucional coa oposición frontal aos recortes por parte do Estado
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, sinalou a “alarmante falta de capacidade e de interlocución” amosadas por Rueda cos seus compañeiros do PP europeo para frear os recortes dos fondos de Pesca. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Pesca hoxe no Parlamento, ao que lle reclamou “colaboración institucional” coa oposición frontal do ministro de Pesca á proposta de novo marco financeiro europeo.
O responsable socialista lembrou que a maioría da Comisión Europea, o presidente e o comisario de Pesca son do PP, e que veñen de presentar un recorte drástico no Fondo Europeo Marítimo de Pesca na súa proposta de marco financeiro para o período 2028 – 2034. Criticou que o goberno galego non ten feito nada diante deste anuncio e esixiulle a Xunta e ao PP que “defendan os intereses de Galicia diante da Comisión Europea máis de dereitas da historia”.
Lembrou o fiasco da viaxe de Rueda a Bruxelas, na que non fixo ningunha xestión para frear estes recortes, así como na visita do Comisario de Pesca, Costas Kadis, a Galicia, que se saldou “sen que teñamos retorno da mobilización política e institucional do goberno da Xunta e do PP para facerlle chegar a demanda de retirar esa proposta de financiamento”. Reclamoulles “colaboración institucional e que non convertan este grave problema noutro campo de batalla co Estado”.
Font lembrou a oposición do ministro de Peca, que tomou unha posición de “defensa política” que constitúe “unha garantía”, e sinalou que “sería bo que o líder estatal do PP, Núñez Feijóo, se posicionara da mesma maneira e nos mesmos termos que o ministro”.
Explicou que os socialistas galegos rexeitan a proposta de marco financeiro porque supón unha “redución drástica” do orzamento para o sector, que presenta un “desfasamento entre responsabilidades e recursos”, ademais da “falta de coherencia cos obxectivos estratéxicos do país” e que presenta uns instrumentos de transición “insuficientes”.
Reclamou a revisión á alza do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura -Fempa-, que garantan instrumentos de transición e axudas temporais e unha distribución territorial equilibrada que garanta igualdade de condicións entre as rexións pesqueiras. Tamén reclamou garantía de supervisión, auditoría e incentivos polo cumprimento dos obxectivos e transparencia na execución dos fondos, así como un calendario de diálogo continuo co sector.