

Carmen R. Dacosta ameaza con presentar na Fiscalía a actuación do goberno galego nos incendios de agosto
Acusa á Xunta de deixar desprotexidas as captacións de auga na comarca ignorando as advertencias da Confederación Hidrográfica
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe que o PP vote en contra da posta en marcha dun Plan integral para restaurar Valdeorras logo dos incendios de agosto. Dacosta presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura para reclamarlle ao goberno galego que poña enriba da mesa un Plan forestal urxente para recuperar o territorio queimado, que o PP rexeitou.
A responsable socialista abriu a porta a levar á Fiscalía a actuación do goberno galego nos incendios deste verán. Acusounos ademais de “non facer nin unha sola actuación urxente nos montes queimados de Valdeorras”, desoíndo as advertencias da Confederación Hidrográfica e permitindo así que as cinzas chegaran ás captacións de auga coa primeira chuvia.
Carmen R. Dacosta lembrou na súa intervenciónj que mentres o Estado impulsaba a coordinación ofrecendo un Plan de Choque, a Consellería “respondía cun ‘xa o facemos todo’ que os feitos desmentiron”.
Dacosta reclamou un Plan integral de restauración acompañado de seguimento ambiental garantindo a transparencia e financiamento específico plurianual para a comarca con planificación, recursos e coordinación institucional, incluíndo dende o primeiro momento a restauración da vexetación autóctona. Ademais, pediu un sistema estable de vixilancia ambiental para previr arrastres de inza e lodos.
Lembrou que a Confederación Hidrográfica “actuou en solitario mentres os ríos se cubrían de cinza” sen acadar apoio por parte da Xunta, que ignorou as advertencias e deixou desprotexidas as captacións de auga, e que asinou un acordo “tarde” e pola insistencia do organismo estatal. Resumiu que “a Xunta non fixo absolutamente nada no monte queimado para evitar esta catástrofe secundaria” provocada pola contaminación por cinzas.
Advertiu que “a auga da veciñanza de Valdeorras contamínase cando a administración que ten a competencia sobre o monte decide non actuar”, e agora “tócalle recoñecer, por fin, que tiña que coordinarse”, aceptando asinar un acordo coa Confederación Hidrográfica. Subliñou que, malia que a Xunta “chega tarde”, é urxente que “por fin faga o que é a súa obriga”, e garanta a recuperación dos terreos queimados e que os veciños e veciñas da comarca teñan auga potable dispoñible.