Carmen Dacosta esíxelle ao PP que constitúa unha Comisión de seguimento das medidas de política forestal que eles mesmos presentaron e aprobaron en 2018 e lamenta que “non queren consenso nin solucións: solo propaganda”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, sinalou hoxe a Rueda e ao PP como responsables da maior vaga de incendios forestais dende que hai rexistros. A responsable socialista dixo no Pleno do Parlamento que “non foi mala sorte, foi mala política, e non foi un accidente inevitable, senón unha catástrofe provocada pola inacción da Xunta”.
Dacosta esixiulle a Rueda que asuma a súa responsabilidade como presidente da Xunta logo de “sete anos perdidos” dende a Comisión de estudo da política forestal constituída logo da vaga de lumes de 2017 e que rematou en 2018 cun ditame con 123 medidas que o goberno galego non fixo caso durante “sete anos que multiplicaron os riscos e que nos levan ao desastre actual”.
A responsable socialista interveu no debate para constituír unha Comisión de Investigación sobre a xestión dos lumes de agosto, que os socialistas apoiaron, pero que reclamaron que se complemente cunha “máis útil, eficaz e operativa” comisión de seguimento permanente do ditame de 2018, e que incluíu na moción que se debaterá pola tarde de hoxe. Dixo que “Galicia merece transparencia, merece saber a verdade, e merece que quen goberna dea contas”.
Advertiu que “todo está diagnosticado, só falta vontade política” para deixar de repetir “os erros do pasado” por parte do PP no goberno, cando en 2017 “pedimos un cambio de modelo”, o mesmo que nos lumes do Courel e de Valdeorras en 2022 e no pasado agosto “con cifras aínda máis devastadoras”. Isto constitúe “a mellor proba do fracaso do PP”, e por iso sinalou que “o problema non é a falta de informes, é a falta de vontade política”.
Aquel ditame, lembrou, incorporaba xa a constitución dunha Comisión de Seguimento que nunca chegou, así como o desenvolvemento dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais, unha nova Lei de Incendios, completar o Inventario Forestal, reformar a Lei de Montes Veciñais en Man Común ou reforzar a prevención, a educación ambiental e a sensibilización social. Sen embargo, o goberno galego fixo “nada ou case nada, non se chega nin ao 70 por cento de cumprimento efectivo.
Apuntou que “a cidadanía merece saber cales son as medidas cumpridas, cales non e por que, e cales quedaron en simples titulares” logo de sete anos de “xestión forestal deficiente, abandono estrutural do rural e un operativo precario” para loitar contra os lumes. Esixiulles que “dean a cara” pola falla de execución das partidas para prevención, cando “aínda hoxe hai 9 millóns de axudas sen resolver”, ademais de “centos de vacantes sen cubrir” de persoal de loita contra o lume.
Responsabilidade política
A moción presentada polo PSdeG remata esixíndolle a Rueda que asuma a súa responsabilidade e presente a súa dimisión porque “cando se incumpren mandatos parlamentarios, se oculta información e se deixa arder Galicia hai que dar a cara”. Criticou así que teña minimizado a traxedia deste verán dicindo que arderon “matogueira e pedras”, cando “o que ardeu foi o Invernadoiro, Pena Trevinca, A Ribeira Sacra e milleiros de hectáreas de viñedo e de monte comunal”
Cuestionou a resposta do goberno galego á traxedia con axudas “totalmente insuficientes” que ademais presentan uns prazos imposibles que deixarán a moita da xente afectada “desprotexida, sen apoio e sen dereito á recuperación”. Unhas axudas que non están pensadas para dar resposta á magnitude da traxedia, que deixou comunidades enteiras “reducidas a cinzas”, como a aldea de San Vicente, no Concello de Vilamartín de Valdeorras.
Sinala que San Vicente “non ten un marco específico de apoio nin un plan integral de recuperación”, o que resulta “inxusto e inaceptable” para unha aldea que “non pode quedar como unha ferida aberta nin como un recordo triste de como Galicia deixa atrás ás súas aldeas cando máis o necesitan”.
Denunciou que o PP “nin recoñece erros nin cambia nada”, e esixiulles que asuman a súa responsabilidade política ata as últimas consecuencias, “porque cando se incumpren mandatos parlamentarios, cando se oculta información e cando se deixa arder Galicia hai que dar a cara”. Emprazou a “dicirlle á cidadanía que aprendemos da traxedia e que non imos permitir que se repita”, porque “ese é o punto de inflexión que precisamos”.