Silvia Longueira critica que a conselleira de Infraestruturas é “incapaz” de confirmar a data de remate da terceira fase que inclúe o Centro de Investigación e o segundo módulo do Hospital
A parlamentaria socialista Silvia Longueira alertou hoxe de que a conselleira de Planificación de Infraestruturas foi “incapaz” de confirmar a data de remate das obras do Hospital da Coruña, co que “non van estar rematadas para o ano 2031”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lembrou o compromiso do anterior presidente da Xunta, Núñez Feijóo, de ter en pé o 870 por cento da infraestrutura en 2025.
A responsable socialista levou ao Parlamento a “fonda preocupación” por este retraso por parte dos traballadores e traballadoras dos equipos médicos e da cidadanía dunha área sanitaria que suma máis de 550.000 habitantes. Advertiu que logo de 3 anos existe “unha demora evidente” nos traballos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña -Chuac-, e polo tanto “un grave incumprimento nos prazos” comprometidos.
Explicou que se trata dun “tema chave” para a área de influencia da Coruña, unha prioridade no Plan Director do Concello dende 1998 pero unha xestión “que ten que pilotar o Sergas”, que en 2022 asinou un convenio no que comprometía máis de 430 millóns de euros de investimento. O Concello desembolsaría outros 22 millóns de euros que deben ser desembolsados na medida en que se presenten a certificación de obra dos accesos viarios.
Sen embargo, a día de hoxe só certificaron 547.000 euros do total de 22 que o Concello ten dispoñibles para esa actuación, e que non foi posible desembolsar “porque non executaron as obras en tempo e forma”. Pola resposta da Xunta de hoxe, Longueira advertiu que “volven aumentar os prazos para o remate do Chuac”, e lamentou que “nada se sabe de se rematarán a terceira fase” das obras que inclúe o Centro de investigación e o segundo módulo do Hospital.