Carmen R. Dacosta sinala que o programa “leva máis dunha década sen resultados: o paro segue, o rural baléirase e o monte arde”
A portavoz de Emprego e Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de utilizar o programa Aprol Rural “para buscar titulares mentres Ourense e Lugo arden. A responsable socialista advertiu que o programa, concibido para promover o emprego no interior e previr ós incendios forestais “leva máis dunha década sen dar resultados”.
Na comparecencia do secretario xeral de Emprego no Parlamento, a responsable socialista lembrou as cifras deste verán, no que Galicia viviu a peor vaga de incendios dende que hai rexistros, para constatar o fracaso deste programa. Resumiu que “o paro segue, o rural baléirase e o monte arde” mentres o goberno galego “repite programas vellos” cos que ademais volven sobrecargar aos concellos, aos que obrigan a asumir costes laborais e indemnizacións que a Xunta non cubre.
Advertiu que “Galicia non se defende con titulares, senón con planificación e emprego real”, cun programa obsoleto que leva co orzamento conxelado dende hai máis dunha década mentres o PP deixou sen executar máis de 2.000 millóns de euro en políticas de emprego dende 2009. Ademais, explicou, o programa carece de formación e de perspectiva de xénero, mentres contempla “contratos de nove meses e persoal insuficiente que fan imposible unha xestión eficaz do territorio”.
Dacosta reclamou una reformulación completa do Aprol Rural para garantir que cada concello conte con brigadas permanentes de ata seis traballadores, con formación axeitada e continuidade laboral nunhas condicións mínimas. Advertiu que “faltan plans comarcais de emprego, faltan estratexias de desenvolvemento rural que liguen produción agraria, forestal e servizos e faltan incentivos reais para o emprendemento e a diversificación económica”.