Silvia Longueira acusa aos de Rueda de “poñer un problema para cada solución” e reclama que informen sobre a situación dos centros de menores e poñan en marcha un programa de sensibilización sobre o acollemento en Galicia
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao PP de situarse na narrativa racista e xenófoba da estrema dereita ao entorpecer a chegada de menores inmigrantes a Galicia. Longueira afeoulle ao PP que votaran en contra dunha proposta do PSdeG para pedirlle á Xunta que informe da situación dos centros de menores e que poña en marcha un programa de sensibilización sobre o acollemento.
A responsable socialista acusou ao PP de “poñer un problema para cada solución” coa súa negativa á asignación de menores inmigrantes que, lembrou, son rapaces e rapazas que “chegan sos, sen nai nin pai a un país estraño”. Advertiu que “non deixa de ser alarmante que nunha situación de emerxencia humanitaria” o PP de Galicia e o propio presidente da Xunta “alienáronse co ditado de Vox e de Feijóo negándose aos menores que teñen que chegar ao noso país por Lei”.
Explicou que Galicia ten capacidade para acoller a 886 rapaces e rapazas, segundo o rateo establecido para as comunidades autónomas do país, e segundo os criterios obxectivos fixados polo decreto Lei de agosto, que contempla poboación, renda per cápita, taxa de paro e esforzo previo, acollerá tan só 317 menores. Sen embargo prefiren “nin tan sequera debater sobre como levar a cabo o acollemento de menores que chegan sen ninguén que os coide ou protexa”.
A responsable socialista acusou ao PP de “non mirar polo sistema de integración” ata o punto de que “non se dignaron a vir ás reunións” das sectoriais de Infancia e Adolescencia, nas que non presentaron unha sola proposta máis alá do bloqueo e a negativa a aplicar a Lei.
Mesmo chegou a desafiar á portavoz do PP a acudir a dúas reunións co alcalde de Monforte “para que lle explique de que vai o do centro de migrantes de Castro de Rei” e co secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez, porque “van chegar os nenos” e emprazou ao goberno galego a “facelo ben” e “ser mellores persoas”.
A proposta do PSdeG reclamáballe á Xunta que presente en dous meses un informe sobre a situación dos centros de menores e as entidades con convenio. Tamén incluía promover un programa de información e sensibilización sobre o acollemento de rapaces e rapazas en Galicia e presentar o desglose de fondos que destina o goberno de España para Galicia dirixidos a desenvolver estes programas.