Paloma Castro reclama un Plan Galego de Igualdade nas policías locais e revisar as probas de acceso con perspectiva de xénero
Acusa á Xunta de tratar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais -GES- “como un marrón” do que “non queren nin escoitar falar máis que para facer un reparto discrecional de material”
A portavoz de Igualdade e Política Institucional do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que o goberno galego non estea adoptando ningún tipo de política activa para corrixir a discriminación estrutural no acceso das mulleres á Policía Local de Galicia. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria pola baixa presenza de mulleres neste corpo de seguridade, no que representan menos do 10 por cento do total de efectivos en Galicia.
Castro advertiu que o goberno galego, que é o responsable de organizar as probas de acceso, está a incumprir coa lexislación que obriga a incorporar a perspectiva de xénero en tódolos procesos de acceso ao emprego público. Ademais, tampouco realizaron ningún tipo de estudo con perspectiva de xénero nas probas de acceso á Policía Local, o que resulta “especialmente grave, porque sen diagnose non hai solución”.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que elabore e poña en marcha un Plan Galego de Igualdade específico para o acceso e a carreira profesional dentro da Policía Local galega con “medidas especiais de acción positiva” das que a día de hoxe non hai nin rastro.
Tamén pediu que revisen as probas de acceso incorporando a perspectiva de xénero, poñan en marcha campañas de sensibilización e orientación vocacional que rompan estereotipos de xénero e animen ás mozas a considerar esta saída profesional. Finalmente, esixiulles que garantan contornas laborais seguras e igualitarias, onde “combatan activamente o acoso, a discriminación e a falta de oportunidades”.
Grupos de Emerxencias Supramunicipais
A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de tratar aos Grupos de Emerxencia Supramunicipais “como un marrón” do que “non queren nin escoitar falar máis que para cumprir co trámite con repartos puntuais de material que organizan de forma discrecional”. A responsable socialista interveu na comparecencia do director xeral de Emerxencias sobre os servizos de emerxencia municipais.
Castro responsabilizou ao goberno galego da situación irregular destes servizos, que rexistran “medios precarios, falla de persoal profesional, vehículos obsoletos e instalacións e equipos que non están á altura das esixencias actuais”. Dixo que o modelo de GES “debe ser actualizado e profesionalizado” con urxencia pola “gran disparidade entre o recoñecemento legal das súas funcións e as esixencias na súa cualificación ou preparación física”.
Lembrou que a Xunta ten que velar polo cumprimento do convenio de colaboración que asinaron o pasado 30 de decembro coas deputacións e a Fegamp para as emerxencias e prevención e defensa contra os incendios forestais. Sinalou que a Xunta debe controlar que as demais administracións asuman as competencias que fixa o acordo, entre as que se atopa garantir que a instalación base sexa axeitada ou que se cumpra a normativa de prevención de riscos laborais.
Advertiu que a cidadanía “precisa resposta, axuda e eficacia” porque “estamos a falar de algo tan básico como a vida e a seguridade das persoas”, e para iso as distintas administracións teñen que garantir unhas condicións axeitadas para os Grupos de Emerxencia, cun servizo profesionalizado, coordinado e planificado.
Puxo como exemplo do “desastre” de xestión do goberno galego que manteñan o interior do norte da provincia de Pontevedra sen cobertura “porque non foron capaces de crear os GES de A Lama e Moraña, malia que teñen todo o material comprado. Censurou que teñan os camións sen utilizar mentres manteñen desabastecido ao GES de Cuntis, que está a atender toda esa zona.