
Lara Méndez lamenta que o PP rexeite co seu voto en contra as peticións “viables, razoables e urxentes” trasladadas dende o sector
A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe á Xunta de deixar ao sector do vacún galego “abandonado á súa sorte” logo de 16 anos “sen ningún impulso á innovación, á diferenciación, á dixitalización ou á modernización comercial”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura para reclamar medidas dirixidas a potenciar a comercialización e promoción, mellorar a homoxeneización do produto e paliar o desequilibro estacional.
A responsable socialista lamentou que o PP impedira co seu voto en contra que esta iniciativa saíra adiante malia que incluía as peticións “necesarias, viables, razoables e urxentes” que está a trasladar o propio sector para garantir valor engadido, prezos máis xustos e maior competitividade. Advertiu que Galicia “é líder en calidade, pero necesita mellorar en consistencia para poder competir nas cadeas de distribución”, e para iso precisa do apoio do goberno galego.
Sinalou que “o sector pide campañas, pide visibilidade, pide internacionalización e pide profesionalización”, e reclama do goberno galego “políticas serias, inversión, planificación e promoción real”. Lamentou que o goberno galego “mira para outro lado” cando se trata de “traballar a prol dun sector estratéxico, do que non se lembra máis que con “campañas escasas, ás veces mal enfocadas e sen presenza real en mercados nacionais ou internacionais”.
Méndez advertiu que o PP “non pode seguir dicindo que apoia ao rural mentres non fai nada nin pon medidas efectivas” para apoiar a un sector fundamental a nivel económico, social e ambiental. Galicia concentra en torno ao 25 por cento das explotacións de vacún de carne de España, con máis de 65.000 animais certificados cada ano e máis de 8.000 produtores inscritos que mobilizan centos de millóns de euros anuais.
Explicou que a carne de vacún galega conta ademais coa Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega, que supera as 25.000 toneladas anuais, e que precisa da implicación do PP, que enche a boca de mensaxes de apoio, pero “onde goberna cala, mira para outro lado, ponse de perfil ou agacha a cabeza, sen facer nada relevante” para apoiar ao sector.