Paloma Castro reclama un informe urxente sobre a superficie protexida afectada polos incendios, xunto cun Plan de restauración e o reforzo dos recursos para a conservación e xestión dos parques naturais
A parlamentaria socialista Paloma Castro denunciou hoxe a “opacidade, falla de transparencia e negación” do impacto dos incendios deste verán sobre a superficie protexida. Castro presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para esixirlle ao goberno galego un informe urxente sobre a superficie afectada, xunto cun Plan de restauración e o reforzo dos recursos humanos e materiais para a conservación e xestión dos parques naturais.
Castro advertiu que, segundo as organizacións ecoloxistas, cando o presidente da Xunta dixo que este verán só arderan “pedras e matogueiras”, en realidade agochaba que os lumes calcinaron 37.819 hectáreas da Rede Natura 2000, o 10,8 por cento do total da superficie protexida en Galicia. Advertiu que resultaron gravemente afectados espazos como o Parque do Invernadoiro, as Fragas do Eume, a Serra da Enciña da Lastra, Pena Trevinca, o Xurés ou o Courel.
Criticou que o PP “reacciona sempre igual ante a catástrofe, negándoa ou agochando os seus efectos”, mentres a conselleira de Medio Ambiente “aínda non saíu a facer un balance dos danos nin a anunciar medidas para a súa restauración”. Acusouna de preocuparse tan só de anunciar medidas para os cazadores, que “segundo ela é o colectivo que se encarga da conservación do monte”.
A parlamentaria socialista lembrou o “bochorno” provocado pola reacción da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, que amosaba a súa “sorpresa” polo despregue mediático cando o que había era “unha fogata” despois de 9 días ardendo con 24.000 hectáreas queimadas. Tamén lles afeou a resposta dunha deputada do PP de Ourense responsabilizando dos lumes aos bombeiros dos GES, acusándoos de provocalos.
Paloma Castro advertiu que a conservación dos espazos protexidos resulta “crucial” para a conservación da biodiversidade, a regulación hídrica, a mitigación do cambio climático e o desenvolvemento sustentable do rural. Reclamou unha revisión “en profundidade” das políticas forestais e ambientais da Xunta e un “xiro cada un modelo de xestión forestal sostible, planificado e participado, baseado na prevención, a restauración e a dotación dos recursos ambientais.