“O que aconteceu aquela noite é dunha gravidade tremenda”, afirmou Lara Méndez sobre a ausencia do presidente da Xunta do centro de emerxencias, e anunciou unha pregunta parlamentaria para saber “a que hora chegou e a que hora marchou”
A viceportavoz segunda invitou ao Goberno galego a abrir unha liña de axudas ás persoas e empresas afectadas polo apagamento: “Dado que aquela noite non se preocuparon, queremos saber que van facer agora, se van estar ao carón dos prexudicados”
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou hoxe que, ante a emerxencia producida polo apagamento do pasado 28 de abril, Rueda optou por unha “estratexia partidista” en lugar de atender os intereses da cidadanía. A deputada do PSdeG confrontou a resposta que deron os diferentes responsables políticos a unha situación “excepcional de alerta que puxo a proba o funcionamento das Administracións”. Así, dixo que foi “dunha gravidade tremenda” que Rueda se ausentase do centro de emerxencias (Cecopi) durante toda a noite, mentres o delegado do Goberno, Pedro Blanco, seguía “ao pé da emerxencia”. De feito, Blanco estivo no centro incluso co nivel 2 de alerta, cando a obriga da xestión correspondía á Xunta de Galicia.
“Queremos saber a que hora entrou e a que hora saíu Rueda do Cecopi”, reclamou Méndez tras sinalar que o Grupo Socialista rexistrou unha iniciativa parlamentaria en demanda dunha resposta. “Que fixo o señor Rueda? Chegou esa noite, fixo unha aparición breve, sacou unha foto e marchou. Pasou toda a noite e volveu aparecer pola mañá para dar unha rolda de prensa”, relatou Lara Méndez sobre un episodio no que se viu “un Partido Socialista traballando e outro, o PP, ausente”.
Destacou que os responsables socialistas estivesen “onde tiñamos que estar” tamén nos momentos nos que a situación non era competencia do Goberno central, “porque cando hai unha emerxencia hai que pensar no benestar dos veciños e das veciñas”. Outros, en cambio, “fixeron un ‘marcho que teño que marchar’ e aí quedades, unha actitude que responde a unha estratexia política moi clara”, denunciou. A parlamentaria do PSdeG lamentou, nese senso, que o obxectivo do PP fose “desgastar ao Goberno”, agardando a que fallase ou tardase en darlle solución ao problema. “Onde quedan os galegos e as galegas nesta estratexia partidista? Para que quere o PP máis competencias, se despois traslada a responsabilidade das que ten ao Goberno central?”, lamentou.
Lara Méndez invitou á Xunta a abrir algunha liña de axudas ás persoas e empresas que sufriron perdas debido ao apagamento. “Dado que aquela noite non se preocuparon, queremos saber que van facer agora, se van estar ao carón dos prexudicados”, dixo.
Ao mesmo tempo, criticou que Rueda falase dunha “colaboración modélica” entre as Administracións, porque esa colaboración consistiu en “ti traballa, que eu durmo”. “E si, o que estaba claro era que Pedro Blanco estaba traballando e Rueda non sabemos onde estaba”, censurou sobre un episodio “que resume moi ben o modelo político do popular: un presidente ausente cando máis se require da súa presenza, un presidente máis preocupado por seguir as directrices de Feijoo que de dar a cara ante os problemas en Galicia”, recriminou.
Fronte a esa actitude, Méndez valorou que o Partido Socialista “segue traballando polo que importa de verdade”, como a sanidade pública, a vivenda e as políticas sociais, uns temas que están a “marcar” os congresos do PSdeG, segundo sinalou.
Esta fin de semana celebráronse os das provincias de Lugo e A Coruña, nos que “non só se elixiu unha Executiva e un secretario xeral, senón que tamén se marcaron as prioridades do noso proxecto político”. A tamén secretaria de Organización do PSdeG destacou as palabras de José Ramón Gómez Besteiro sobre o impulso de candidaturas “fortes, competitivas e ilusionantes” de cara as eleccións municipais de 2027, “mirando cara adiante mentres o PP segue instalado no non a todo”.
Botou en falta, nos populares, “responsabilidade institucional”, algo que se está a traducir nun non á suba das pensións, á suba do salario mínimo interprofesional, á xornada laboral de 37,5 horas, ao bono gratuíto para o tren, á rebaixa das peaxes ou ás axudas ás empresas polos aranceis de Trump, que, lembrou ascenden a 14.000 millóns de euros. No outro extremo, afirmou, hai un nacionalismo “ancorado no século pasado, que non entende a política máis aló dos debates desfasados, como o do soberanismo”.