

Silvia Longueira advirte que os profesores enviados por Educación a cargo do Plan Mega foron destinados a titorías en detrimento da atención ao alumnado con necesidades especiais
A parlamentaria socialista Silvia Longueira advertiu hoxe que a Consellería de Educación ten posto a calidade educativa no CEIP Ramón María del Valle Inclán “na costa abaixo”. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación na que advertiu que os dous profesores que enviaron a cargo do Plan Mega foron destinados a titorías, prexudicando a atención ao alumnado con necesidades especiais.
A responsable socialista lembrou que a Consellería tivo que rectificar logo de retirar dous profesores para 2º e 5º de Primaria, o que obrigaba a desfacer o desdobramento de aulas. Sen embargo, os mestres asignados ao centro foron destinados a titorías, polo que o colexio, con preto de 450 alumnos e alumnas e un corpo de 37 docente “conta en moitas sesións tan só cun docente de garda, algo totalmente insuficiente”.
No caso de que haxa dous docentes ausentes nun mesmo día, o centro conta con tan só un profesor para atender a dúas aulas, e ademais o equipo de orientación está a ver afectados os horarios da súa organización porque deixou de haber profesorado dispoñible para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. Advertiu que tamén teñen paralizado os proxectos didácticos complementarios, o que xa ten sido denunciado pola Anpa do centro.
Longueira reclamoulle ao goberno galego que pare co deterioro paulatino das condicións do CEIP Ramón María del Valle Inclán e que “restitúan da normalidade” nun centro “referente en toda Galicia” para que a Consellería cumpra coa taxa de reposición de docentes.