Paloma Castro denuncia que a Xunta non vai dar axudas propias para o peche de seis meses nos bancos de Arousa e censura que fagan política “dende un despacho sen mirar á xente á cara”
Sinala que “non poden falar de sostibilidade e resiliencia ao mesmo tempo que impulsan proxectos como o de Altri sen garantías ambientais, sen avaliacións realistas e sen consenso social”
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que a Consellería do Mar permaneza “inmóbil e autocompracente” mentres “os bancos marisqueiros colapsan e o sector agoniza”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca sobre a situación concreta dos bancos da ría de Arousa, que afrontan unha caída drástica da produción mentres “as axudas chegan tarde ou non chegan”.
Castro criticou que a Consellería confirmara hoxe que non vai poñer enriba da mesa un só euro de recursos propios para axudar ás familias afectadas polo peche de seis meses decretado nos bancos de libre marisqueo de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla. Considera un insulto que se limiten a anunciar axudas con cargo ao Fondo Europeo do Mar e a Acuicultura -Fempa- entre xaneiro e marzo.
Advertiu que “non se pode gobernar de costas ao mar, non se pode decidir desde un despacho sen mirar á xente á cara” e reclamou un Plan de axudas con calendario de pagos para o peche decretado polo goberno galego para os bancos de Arousa. Esixiulle ao goberno galego que “estableza un plan operativo real, con medidas cuantificables, financiamento suficiente, coordinación científica e participación do sector”.
A parlamentaria socialista engadiu que a produción “segue caendo, as axudas chegan tarde ou non chegan e os bancos marisqueiros seguen nun estado crítico”. Explicou que a ría de Arousa viu caer a produción deberberecho un 93,7 por cento en 2024, de ameixa fina un 86,5 por cento e babosa do 85 por cento, e as lonxas deixaron de ingresar 45 millóns nos últimos catro anos, co que a actividade marisqueira “está en perigo de desaparición efectiva”.
Altri
Denunciou que “falen de sostibilidade e resiliencia ao mesmo tempo que impulsan proxectos industriais como o de Altri, sen garantías ambientais, sen avaliacións realistas e sen consenso social”, e que ademais tería un efecto directo na desembocadura do río Ulla na ría de Arousa. Lembroulle ao goberno galego que ten a “responsabilidade institucional de protexer non só un recurso, senón ás persoas que dependen del”.
Castro esixiulle á Consellería que atenda ás propostas postas enriba da mesa polo sector, que pasan por dragaxes selectivas, restauración de bancos, programas de sementado, control dos vertidos e seguimento científico das zonas de produción. Sen embargo, a Consellería carece dunha liña clara de actuación, ademais de que non publica informes técnicos que permitan avaliar as causas, os impactos e as posibles liñas de mellora.
Advertiu que “non é cuestión de canto se gasta, senón de como, cando e con que resultados”, e reclamou un Plan de axudas “inmediato, claro e executado”, que responda dun “compromiso social real cos afectados polo peche” dos bancos de libre marisqueo. Reclamou tamén un sistema de seguimento transparente e “unha planificación ambiental que non dependa de titulares, senón de ciencia, participación e rigor”.