Silvia Longueira defendeu como “unha cuestión de dereitos e de vontade política” o emprego da lingua en Bruxelas e Estrasburgo e valorouno como unha medida que “proxectaría a nosa identidade cara o exterior”
“Non aceptamos máis esa vella cantinela de que hai que protexer o galego no ámbito familiar, pero deixar o castelán para cousas serias”, advertiu a deputada socialista
“Queremos poder falar galego en Bruxelas e Estrasburgo, como se fala irlandés, maltés ou finés”, reclamou hoxe Silvia Longueira no pleno do Parlamento de Galicia. A deputada do PSdeG defendeu unha proposición non de lei en apoio do uso da lingua no Parlamento Europeo polas “múltiples vantaxes” que tería esa medida. Entre elas, sinalou que “reforzaría o status” do noso idioma como lingua cooficial en España e en Europa, “proxectaría a identidade galega cara o exterior fortalecendo a súa dimensión cultural internacional” e abriría a porta a que a Unión Europea financiase programas de promoción, tradución e aprendizaxe.
Longueira valorou o apoio unánime á iniciativa por parte dos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia e resaltou que a medida serviría tamén para “dar impulso ao uso da lingua entre as novas xeracións, que verían que falar galego non é un obstáculo, senón unha vantaxe internacional”.
“Non aceptamos máis esa vella cantinela de que hai que protexer o galego no ámbito familiar, pero deixar o castelán para cousas serias”, advertiu a voceira socialista de Cultura, e engadiu que “non hai lingua máis seria que a que falamos coa nosa avoa e coa nosa filla”. “O galego é tan válido para a poesía de Rosalía como para os tratados europeos, así que fagamos que Europa nos escoite, pero en galego”, insistiu.
Longueira asegurou que se a UE quere ser “plural, diversa e xusta” e representar a todos os pobos de Europa, “entón ten que representar ao noso”. De modo que o uso do galego na Eurocámara é unha cuestión de “dignidade e igualdade”, argumentou para subliñar que “vai sendo hora” de que a lingua galega “deixe de ser convidada de pedra na súa propia casa”.
Mais que o galego poida ser “usado, recoñecido e escoitado” no Parlamento Europeo non é só “unha cuestión de dereitos, senón tamén unha cuestión de vontade política”, afirmou Silvia Longueira, e alertou de que un idioma que non existe politicamente “corre o risco de desaparecer culturalmente”.
Con todo, a parlamentaria do PSdeG explicou que, ademais de ser “un paso importante”, a oficialidade no Europarlamento “podería avanzar cara un recoñecemento oficial pleno na UE, como lingua de traballo e publicacións”. Iso reforzaría “o dereito dos galegos e galegas a vivir plenamente na súa lingua, tamén en Europa”.