O parlamentario socialista Juan Díaz Villoslada reclamoulle hoxe ao goberno galego que asegure a conexión da Vía Ártabra coa A-6 “para dar efectivo servizo á área metropolitana da Coruña”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que criticou a “visión micropolitana” amosada polo goberno galego, unicamente preocupado por destinar 40 millóns de fondos propios á conexión de peaxe coa AP-9.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de ter suprimido a conexión coa autovía da programación económica prevista no Plan Move demostra unha “visión parcial, cautiva e cativa que segundo os estudos de Ineco –Fomento- só beneficia a Audasa”. Criticou que o goberno galego teña posto “escusas técnicas” cando o Ministerio ten trasladado o estudo sobre a conexión ao goberno galego e está “á espera de contestación”.
Explicou que a conexión coa autovía A-6 é “unha necesidade para toda a comarca, unha solución completa que pecha o sistema viario da comarca dando servizo a tódolos concellos, tanto a persoas como a empresas”.
Reivindicou unha solución “global para toda a comarca, que garanta o equilibro territorial e a cohesión social que recolle o Plan Sectorial aprobado en 2004”. Explicou que a conexión coa A-6 da resposta ao servizo de “veciños e empresas de toda a área coruñesa, sen localismos” e que “serve para unir a tódolos concellos, dende Arteixo ata Oleiros, pasando por Cambre, Carral, Bergondo ou Culleredo”.