O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou hoxe ao goberno galego de incumprir a Resolución aprobada no último debate do Estado da Autonomía, en 2019, para declarar a emerxencia climática en Galicia. O responsable socialista presentou unha interpelación na que cualificou de ”inaudito” que a Xunta leve un ano sen facer “ningún movemento” a favor de cumprir co mandato parlamentario.
Arangüena criticou que a Xunta nin tan sequera teña cumprido cunha Resolución presentada polo propio PP -e que o PSdeG rexeitara “por cicateira e falaz”-, o que evidencia que “o medio ambiente non lles interesa o máis mínimo”. Sinalou que a Xunta “non fai política medioambiental, fai greenwashing, lavado de cara medioambiental”, porque “na práctica son tan negacionistas como Rajoy” e o curmán ao que o ex presidente apelaba para negar o cambio climático.
O parlamentario socialista criticou o “desleixo en materia medioambiental” do goberno galego, que 11 anos despois da chegada de Feijóo ao goberno galego, e malia incrementar un 49,77 por cento a partida de actuacións ambientais, “estamos aínda lonxe dos 295 millóns de euros do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño en materia medioambiental”. Os orzamentos para 2021 dedican a este fin 199 millóns de euros, 96 millóns de euros menos.
Criticou que a conselleira de Medio Ambiente “sacara peito de que Galicia represente o 0,06 por cento das emisións de CO2 do mundo”. Explicou que esas emisións supoñen 155,8 veces mais do que lle correspondería a unha Comunidade Autónoma que conta co 0,000385 da poboación do mundo.
Pablo Arangüena acusou á conselleira de dedicar tan só 8 millóns de euros especificamente ao cambio climático no proxecto de Orzamentos de 2021, o que supón “o maior problema da nosa especie, para nós mesmos e tamén para os nosos fillos”. Apelou ao “instinto de supervivencia e ao raciocinio dos aquí presentes” para q “meternos con forza nunha nova economía verde, coidando dos noso espazos naturais, recuperando os nosos bosques ou rexenerando as nosas rías e ríos”.
Instou así a “poñer tódolos recursos públicos a disposición do proceso de transición ecolóxica xusta e cambiando incluso a nosa ética individual e colectiva”, e declarando a emerxencia climática na que “Galicia quedou adiada e non fixo ningún movemento neste sentido” pola falla de interese do goberno galego.