A Portavoz de Política Social do grupo Socialista, Noela Blanco, denunciou a proposta do goberno galego de “pagar os úteros das mulleres migrantes, relegando a esta poboación á cosificación e a mercantilización”. Blanco aludiu durante a comparecencia da conselleira de Política Social no Pleno do Parlamento ao anuncio da Xunta de incentivar a chegada de mulleres inmigrantes “en idade fértil”.
Noela Blanco sostivo que estas medidas, que así foron publicadas polos medios de comunicación, “seméllanse aos anuncios das extintas caravanas de mulleres do século pasado”, e cualificounas de “rancias, machistas, e, en definitiva, un insulto para as mulleres”.
Neste senso, Blanco animou á Conselleira de Política Social a “pedir desculpas e rectificar” por unha iniciativa que relacionou coa polémica proposta de Pablo Casado de pedir a derrogación da Lei da interrupción voluntaria do embarazo como medida de impulso da natalidade. A responsable socialista instou á Xunta a pronunciarse sobre as medidas do líder do PP, que vén de apostar por “explicarlle” ás mulleres embarazadas “o que levan dentro”.
A deputada socialista explicou que o incremento de recursos da Consellería “non é grazas ao goberno de Feijóo, senón a que hai un goberno de España socialista que vai facer en 10 meses máis que vostedes en 10 anos”. Blanco puxo sobre a mesa tamén que o goberno de Pedro Sánchez creou o Alto Comisionado de Loita contra a pobreza infantil, subiu o Salario Mínimo Interprofesional e multiplicou por dous a prestación por fillo entre outras medidas.
Políticas de retroceso social
Blanco tamén denunciou graves deficiencias en materia de Política Social na xestión do goberno galego, como a “parálise na toma de decisións nun país onde o 46 por cento dos fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes”. No mesmo senso, explicou que “a precariedade entre a mocidade supón que o 44 por cento dos desempregados e o 20 por cento dos empregados estean en risco de exclusión social”.
Por outra banda, a deputada denunciou que “desde que Feijóo chegou ó goberno, cero residencias públicas de cero prazas xestionadas directamente pola administración autonómica”. Polo tanto, a deputada instou ó PP a que “non fagan máis anuncios” e que “deixen de facer propaganda”, xa que “levan anos prometendo 7 residencias máis, pero seguen na ficción, aínda non comezaron e moitos usuarios van falecer sen acceder ás residencias que prometen”.