O parlamentario socialista Luis Álvarez denunciou hoxe a “falla de accións concretas e dunha planificación estratéxica coherente” nas actividades de promoción e dinamización da lingua. Na comparecencia do director xeral de Política Lingüística hoxe en Comisión lamentou que “non se avanza en ningún sentido” polo desleixo do goberno galego.
O responsable socialista advertiu da falla de iniciativas para impulsar o uso do galego nas familias, ou o baleirado do Plan de Dinamización entre a mocidade, que “segue estancado”, o que abunda na “situación extraordinariamente preocupante” para a saúde da lingua, tal e como advirten a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega. Estes organismos alertan de que o galego atópase actualmente a niveis propios dos anos 90.
Álvarez advertiu que “non se avanza en ningún sentido” e que o “mal chamado” Decreto do Plurilingüismo no Ensino, en 2010, freou o avance continuado da implantación do galego para retroceder a niveis propios do século pasado.
Acusou ao director xeral de ter presentado “un sumatorio de medidas inconexas” pero carentes de calquera “planificación estratéxica concreta”, mentres os nenos e nenas que non empregan nunca o galego aumentan un 18 por cento e máis de 1 de cada 4 galegos e galegas viven “de costas ao galego”.
Acusou ao goberno de furtar a información sobre o cumprimento das medidas ao evitar dar conta do cumprimento das medidas para impulso do galego na banca, a xustiza, a sanidade ou a atención na administración pública.