O deputado socialista Julio Torrado denunciou hoxe “intencionalidade política” na CRTVG de manter na súa web durante un ano a información falsa titulada “deteñen por acoso e falsificación ao tenente de alcalde de Lalín”. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión da CRTVG advertindo que non foi detido, obviaron que se presentara voluntariamente a declarar e “o que é máis grave, non informaron do arquivo do caso”.
O parlamentario socialista advertiu que esta situación cuestiona a obxectividade do ente, evidencia o seu uso partidista en contra do concelleiro sinalado e o seu partido, que é o PSdeG, e favorece a outro partido político a costa da confiabilidade do ente. Sinalou que “se o tratamento da noticia favorece ao PP, cumpre facer a hipótese de que a causa deste tratamento informativo está probablemente nos intereses do PP”.
Reclamoulle ao director xeral da CRTVG que explique “cal é a súa perspectiva sobre este tipo de noticias sen contido real, falsas”, e preguntou “por que non se corrixiu, por que se mantén e cal é o criterio para ir contracorrente do resto dos medios e mesmo en contra de calquera suposto criterio informativo”.
Sinalou que a noticia mantívose na web do ente co mesmo titular precisamente ata o momento en que se celebrou o debate de hoxe, e amosou a súa sorpresa pola interrupción da sesión parlamentaria provocada por un acompañante do director xeral da CRTVG que non se identificou.
Arquivo
O responsable socialista denunciou que, logo de sinalar nos informativos do 30 de novembro a información falsa dunha suposta detención que non existiu, e obviando que o concelleiro foi a declarar voluntariamente, a CRTVG “non tivera a mesma presa en trasladar o recente arquivo da causa” mentres outros medios “rectifican no seu momento, continúan co caso e informan do seu peche”.