Lamenta que o PP vote en contra dunha proposta socialista reclamándolle ao goberno galego medidas para que estes estudantes tamén poidan facer uso da Tarxeta Xente Nova
A deputada socialista Noa Díaz acusou hoxe ao Partido Popular de abandonar aos estudantes de Outes e Muros que levan meses sufrindo a discriminación da Xunta para poder para acudir aos seus centros educativos en transporte público.
Fíxoo despois de que o Partido Popular votase en contra dunha proposición non de Lei do PSdeG na que- recollendo as demandas da veciñanza e dos grupos municipais socialistas deste municipios- se reclamaba que todo o alumnado teña un servizo de transporte público axeitado ao horario lectivo. Deste modo buscábase que puidesen acudir ao instituto e regresar á súa vivenda ao remate da súa xornada e, ao mesmo tempo, beneficiarse das viaxes gratuítas da Tarxeta Xente Nova.
A negativa do PP é a evidencia de que o PP “deixa na estacada”, por exemplo, a 13 estudantes de Outes e as súas familias, “que teñen que pagar 55 euros cada mes polo seu abandono”. Por iso, neste contexto, Noa Díaz retou aos deputados e deputadas do PP a reunirse coas familias afectadas e a dicirlles de fronte “que se apañen, que como son do Freixo e non de Serra de Outes teñen que pagar”. En calquera caso reclamou que se busque unha solución, “a que sexa, pero teñen que solucionar este problema de clara discriminación no acceso aos servizos públicos”.
Na súa intervención, Noa Díaz explicou que nalgunhas parroquias de Outes e de Muros o transporte público non é compatible cos horarios dos centros de ensino de referencia de FP, ESO e Bacharelato de Noia. Isto “non só provoca unha disfunción nos horarios senón tamén a imposibilidade de facer uso da Tarxeta Xente Nova por parte do alumnado”. De feito, esta circunstancia obrigou ás familias a contratar un servizo discrecional de transporte que, “lonxe da gratuidade da tarxeta, ten un custe de 54 euros por persoa”.
Por iso, Noa Díaz reclamáballe á Xunta a mellora do trazado e dos horarios da liña entre Noia e Muros de maneira que sexa compatible co horario escolar dos IES Campo de San Alberto e Virxe do Mar de Noia. O obxectivo final era que todo o alumnado dos Concellos de Outes e Muros poida beneficiarse das viaxes gratuítas da Tarxeta Xente Nova. “Nada máis e nada menos que o que acontece co resto das liñas da comarca de Barbanza”, subliñou Noa Díaz.
Deste xeito, e coa finalidade de eliminar unha “inaceptable diferencia” que é “aínda máis grave cando se produce entre distintas parroquias dun mesmo concello rural”, a proposta da veciñanza -asumida polo PSdeG- consistía en modificar nuns 20 minutos as liñas convencionais do percorrido Noia-Muros e viceversa.
Neste contexto, Noa Díaz lembrou que incluso a Valedora Pobo xa admitiu a queixa presentada pola veciñanza afectada. “E non so iso”, advertiu, “senón que xa tivo que requirirlle por segunda vez un informe á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade”.
OS PROBLEMAS PARA AS FAMILIAS AFECTADAS EN OUTES E MUROS
No caso de Outes, Noa Díaz explicou que que as liñas de transporte público que atravesan as parroquias de San Xoán de Sabardes, San Cosme de Outeiro e Cruceiro de Roo “non se corresponden cos horarios de entrada e saída dos IES Campo de San Alberto e IES Virxe do Mar de Noia”. Así, “no mellor dos casos”, o autobús deixaría os rapaces e rapaces nos institutos ás 7:50h -50 minutos antes da hora de entrada- e pasaría a recollelos unha hora e media despois da saída.
Mentres, outras familias que viven en parroquias do mesmo concello, como Serra de Outes, por exemplo, si poden utilizar liñas regulares, “ou sexa, si poden facer uso da Tarxeta Xente Nova”. A maiores, desde que entrou en vigor o novo contrato eliminouse, por exemplo, o bus das oito, “que era o que usaban os pais e nais de hoxe cando estudaban bacharelato en Noia, unha liña de toda a vida que era moi usada tanto para os colexios como visitas médicas”.
Unha situación semellante prodúcese no concello veciño de Muros. Neste caso, o alumnado que cursa ciclos nos institutos de Noia ou Cee tamén teñen que optar por contratar liñas discrecionais, como acontece con estudantes das parroquias de Esteiro e Tal. Ao non contar con liñas regulares públicas, deben acudir a liñas privadas.
Noa Díaz alerta de que aquí, ademais, hai “unha agravante máis”, xa que a liña discrecional só chega a Esteiro. Polo tanto, as familias do resto do Concello de Muros teñen que levar os nenos e nenas ata ese punto para poder coller o autobús.
Noa Díaz lembra que a vertebración axeitada do territorio que asegure a equidade no acceso aos servizos públicos “debera ser unha obriga de calquera administración” para que non existan discriminacións en función do lugar onde se habite. Porén, a deputada socialista revela que esta premisa non se está a cumprir no caso destas parroquias dos concellos de Outes e Muros.