O deputado socialista José Manuel Pérez Seco criticou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para dotar ao CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño do profesorado suficiente para levar a cabo as medidas de atención á diversidade que precisa. Pérez Seco presentou esta proposta logo de manter contactos coa Anpa do CEIP, que lle trasladou a situación ao Grupo Socialista.
O parlamentario socialista levou á Comisión de Educación do Parlamento a situación deste centro, que a pesares de ter incrementado o número de alumnos con necesidades específicas, viu como a Xunta lle reducía un 40 por cento as horas de atención ao alumnado que necesita especialistas de audición e linguaxe.
Explicou que, nas 10 aulas coas que conta o centro, no curso 2017/18 había 4 alumnos con necesidades severas e outros 12 que precisan de reforzo de Audición e Linguaxe. Para o curso 2018/19 o número de alumnos con necesidades severas aumentou a 5, mentres hai dous pendentes de avaliación para requirir reforzo de Audición e Linguaxe, ademais dos 12 que xa tiñan no curso pasado.
Pérez Seco levou ao Parlamento a demanda da Anpa deste centro, e cualificou de “ilóxicos” os argumentos do goberno galego, que “pecha os ollos á realidade” alegando que a presenza do especialista en Audición e linguaxe é suficiente e que o centro e o departamento de Orientación “non saben xestionar recursos”.
Apunta que a demanda é “xusta e razoada” para “garantir a necesaria atención ao alumnado e que se garanta o principio básico de igualdade”. Considera “incomprensible” que a Xunta realice “unha redución de persoal sen ningún tipo de xustificación, máis alá do criterio económico, logo de ter suprimido 2.132 profesores nos últimos 9 anos con criterios que “nin están especificados nin responden á imprescindible obxectividade”.