O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe á Xunta “debater e consensuar un novo modelo eólico con medidas para democratizar o sistema”. Seco presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento diante do relanzamento do sector eólico galego, que nos próximos dez anos duplicará a potencia instalada ata chegar aos 4.000 MW en Galicia.
O responsable socialista acusou á Xunta de poñerse “de costas aos nosos veciños e veciñas” cando se demostran “incapaces de sentarse a negociar cos colectivos afectados por un novo modelo eólico con máis participación e transparencia”. Reivindicou un “modelo eólico integral coa participación de todos os sectores implicados, que poña solución aos problemas plantexados, democratizando o sistema eólico e que sexa beneficioso para todos”.
Seco reclamou unha negociación “equilibrada” entre as empresas instaladoras e os propietarios dos terreos, nun “proceso transparente que sexa unha ferramenta máis para loitar contra o despoboamento do noso rural”. Propuxo así contratos tipo para negociar coas promotoras, e unha base pública de información dos prezos alcanzados nas negociacións entre as partes.
Acusou ao goberno galego de actuar con “medo á transparencia e ao apoio que necesita a nosa cidadanía”, poñéndose de lado dos promotores, aos que lles pon en bandexa a posibilidade de camiñar cara á expropiación coa solicitude de declaración de utilidade pública dos parques. Ao mesmo tempo, permite unhas autorizacións de explotación eólica sen data de caducidade fronte a uns veciños e concellos que fican sen compensación axeitada pola instalación dos parques.
Reivindicou un modelo que equilibre a relación entre propietarios e promotores, garantindo a protección ambiental do territorio e as actividades primarias. Acusou á Xunta de amparar a “opacidade e falla de participación” con novos textos lexislativos “que axilizan os prazos, privatizan a inspección ambiental mentres deixan á cidadanía sen medios de apoio”.
Alertou da “multiplicación de proxectos de parques eólicos en todo o territorio sen orde nin planificación por parte da administración autonómica, convertendo lugares de alto valor ambiental e zonas de sacrificio”.
Explicou que malia que a Xunta contemplou “certos beneficios comunitarios indirectos, o certo é que finalmente non exerceu a súa función fiscalizadora ante os incumprimentos das empresas”, mentres permite “incumprimentos no relativo ao impacto ambiental”, coa metade da potencia instalada dentro de zonas de rede natura.
Chamou a “corrixir os erros do pasado e implantar un modelo que democratice o sistema eólico, garantindo a loita contra o cambio climático, a creación de postos de traballo e a defensa do patrimonio natural, así como unha maior participación dos beneficios recollidos dos nosos recursos naturais”.