O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que “veña ao Parlamento a explicar o que pasou, por que propuxo a creación do pediatra de área e que pasou para suprimir esta figura”. Logo de coñecer a retirada da iniciativa, confirmou que os socialistas manterán a interpelación presentada nun primeiro momento para que dea conta desta “manobra”.
Torrado sinalou que “para unha vez que acerta, é cando rectifica” e apuntou que “non son formas” de intentar levar adiante unha reforma deste calado, e “por iso merecían un correctivo que agora teñen que aplicarse amargamente”. Censurou así o intento do goberno galego de “tratar de introducir unha reforma deste calado a través da Lei de Acompañamento sen consultalo, sen falalo con ninguén, a toda presa e intentando impoñela en contra dos usuarios e profesionais”.
Sinalou que o proceso da creación da figura non nata do pediatra de área “era unha insensatez e unha evidencia da forma de traballar da Consellería: ás agochadas, ás costas e sen dialogar con ninguén”.
O responsable socialista celebrou a retirada da proposta, unha decisión coa que “claramente evitamos o deterioro da calidade asistencial que se nos viña enriba con esta modificación”. Explicou que a atención pediátrica en Galicia “ten problemas, moi agravados pola parálise e inacción da Consellería, e sobre a que levamos moito tempo facendo propostas”, como a discriminación positiva para os profesionais ou a contratación estable.
Ningún destes problemas, dixo, se resolvía con esta “trapallada que se tiñan inventado” e que “unicamente contribuía a xerar máis caos e menosprezar un servizo no que o PP non cre, como é a atención pediátrica”.