O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias pola xestión “caótica e nefasta” do brote de coronavirus no Hospital de Pontevedra. O parlamentario socialista acusou á Consellería de Sanidade de permitir que dúas profesionais de medicina continuaran traballando á espera dos resultados da PCR, que resultou positiva.
Torrado responsabiliza a Sanidade de expoñer á poboación de Pontevedra a un “risco gravísimo e absolutamente innecesario” ao obrigar ás profesionais a continuar traballando aínda coa sospeita de estar contaxiadas e enfermas, e polo tanto expoñendo a posibles contaxios á poboación que acudía ao Hospital.
O responsable socialista esíxelle ao goberno galego que clarifique “quen e por que tomou a decisión de obrigar a traballar a dúas persoas á espera do resultado das PCR”, e que expliquen se esta decisión “recibiu algunha validación clínica”. Esixe ademais que expliquen se existe “algún protocolo escrito, validado e publicado sobre os procesos a desenvolver no caso de sospeita de contaxio de covid-19 entre profesionais sanitarios”.
Os socialistas reclámanlle á Xunta a “automatizar o procedemento de que sexa realizada á maior brevidade a proba necesaria para contrastar o posible contaxio por covid-19 no caso dos e das profesionais sospeitosas de estar contaxiados/as, e garantir que non traballen no centro sanitario ata que reciban os resultados das probas”.