A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta dea conta da construción dunha granxa avícola invadindo o espazo arqueolóxico catalogado do xacemento de petróglifos na Serra de O Farelo –Antas de Ulla-.
Burgo reclámalle ao goberno galego que investigue a construción desta infraestrutura “para saber se se axusta ás condicións legais”, así como a poñer “tódolos medios posibles para protexer este importante xacemento de petróglifos”. Sinala que o Concello concedeu a licenza da obra “porque previamente a Consellería dera a súa autorización”.
Sen embargo, sinala que “non parece crible por canto estaría a cometer unha ilegalidade”, por canto as obras sitúanse a 75 metros do primeiro petróglifo, cando a Lei marca que non se pode construír nunha franxa de 200 metros arredor do xacemento. Alerta da urxencia de protexer este patrimonio do achegamento da explotación e por canto “os probables accesos á obra invadirán aínda máis o perímetro de protección”.
Explica que “se trata dun dos conxuntos de petróglifos máis interesantes de Galicia”, datado entre os 3.500 e 2.000 a. C, e destacan “non só polo seu número, senón tamén pola densidade nun mesmo espazo” que alberga o petróglifo máis grande de Galicia. Sinala que “é obriga de todos protexer o noso patrimonio cultural, e máis aínda da Consellería de Cultura, que ten que poñer todos os medios para garantir esa protección”.