A secretaria de Organización do PSdeG denunciou que a toma de posesión da nova responsable de Mar “parecese máis un acto de homenaxe ao conselleiro saínte que un reproche á violencia contra as mulleres”
Criticou que os mandatarios do PP asistan hoxe a unha Conferencia de Presidentes convocada por Pedro Sánchez para chegar a acordos “e dentro de dous días vaian saír á rúa a manifestarse contra o Goberno”
Anunciou desde a Semana Verde unha iniciativa parlamentaria de impulso á agricultura rexenerativa “para protexer a saúde do solo e obter produtos de maior calidade”, e censurou que a Xunta deixe “esmorecer” o rural, co peche de 12.000 explotacións
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, criticou hoxe o que pareceu “máis un acto de homenaxe ao conselleiro saínte que un reproche á violencia contra as mulleres”. Referiuse así á toma de posesión da nova conselleira de Mar, durante a que Alfonso Villares recibiu o apoio de todo o PP tras ter que deixar o cargo en relación cunha investigación xudicial por agresión sexual.
A tamén viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego advertiu que “Rueda tiña que ter tomado medidas en febreiro, cando coñeceu a denuncia”, e recriminoulle o que cualificou de “machismo institucional”. “Non o apartou, senón que o mantivo no cargo e nas súas facultades, e actuando en todos os eventos da propia Xunta”, remarcou.
Lamentou tamén a falta de respecto á vítima, xa que “non houbo ningunha palabra cara a súa persoa”, pero si se vulnerou o seu anonimato, “vitimizando novamente ás que sempre sofren os abusos”.
Méndez fixo esas declaracións durante a súa visita á Semana Verde, na compaña da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e as deputadas Elena Espinosa a Patricia Iglesias, entre outros cargos socialistas. Desde a feira reivindicou dun sector primario “que está esmorecendo” en Galicia, co peche de máis de 12.000 explotacións en pouco máis dunha década e cunha Xunta “que non actúa como debe”. “Evidentemente é necesario empregar todos os instrumentos existentes, como os fondos da PAC e os Feader, pero tamén hai que ter iniciativa propia e vontade de apostar polo rural, que é fundamental para o tecido económico galego e para o asentamento de poboación”, reclamou antes reiterar o compromiso do PSdeG co agro.
“Queremos que o rural sexa un motor económico de Galicia, que siga tendo peso e que non vexamos como día tras día e ano tras ano se van pechando explotacións e se vai perdendo xente”, dixo. E avanzou que o Grupo Socialista defenderá proximamente no Parlamento galego unha iniciativa na que se aposta “pola agricultura e a gandería rexenerativas” para trasladar á vangarda as prácticas de antano, que permiten “protexer a saúde do solo e sacar produtos de maior calidade, ademais de combater o cambio climático e facer as explotacións máis rendibles, con menores custes de produción”.
“Temos uns datos tremendamente alarmantes. A maioría dos titulares de explotacións son persoas maiores de 60 anos, e os mozos e mozas só son un 12 %. Hai que reverter esa situación, hai que dar paso ao relevo xeracional, e temos que facer do rural un motor económico”, subliñou.
“Rueda e o PP non van buscar consensos”
A preguntas dos medios tamén se referiu á Conferencia de Presidentes que se celebra hoxe en Barcelona. Recriminoulles a Rueda e ao Partido Popular a súa actitude cara o encontro. “Non van buscar acordos e consensos nin solucións sobre os temas que preocupan á sociedade, como a vivenda”, denunciou. Pola contra, ao presidente galego “só lle preocupa a okupación, pese a que habilitou un teléfono de atención e só recibiu tres chamadas”.
Lara Méndez salientou que, mentres Rajoy só convocou a Conferencia de Presidentes en dúas ocasións, o presidente Sánchez reúnea por 22.ª vez, co fin de buscar consensos coas comunidades autónomas, pero “resulta difícil” crer que os populares acudan coa mesma vontade, cando “dentro de dous días van saír á rúa a manifestarse contra o Goberno”.