

A secretaria de Organización do PSdeG lamentou que, mentres Besteiro vén de facer que se escoite a Galicia en Bruxelas, na capital europea non se coñece a Rueda “porque nunca foi dar a cara polos agricultores e gandeiros da nosa comunidade”
A deputada Patricia Otero pediulles aos populares que “non rompan a unidade” e apoien as reivindicacións do Goberno ante unha Comisión Europea “presidida polo PP e que ten un comisario de Agricultura do PP” para evitar o descenso dun 20 % no financiamento da Política Agraria Común
Lugo, 5 de decembro de 2025. A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, reclamoulle hoxe ao PP que se sume ao Partido Socialista na defensa dunha Política Agraria Común (PAC) “con financiamento dabondo e con autonomía, na que as comunidades teñan capacidade de tomar decisións”.
Durante unha visita á granxa da SAT Dorna, na parroquia lucense de Santa Marta de Fixós, Méndez recordou que a PAC “xoga un papel moi importante” na viabilidade de numerosas explotacións, e por iso alertou da ameaza que supón para o sector o recorte do 20 % dos seus fondos que está a propoñer a Comisión Europea. Tras o seu percorrido polas instalacións, na compaña dos propietarios, anunciou unha iniciativa parlamentaria nese senso. “Esperemos que o Partido Popular se sume ao socialista para defender isto en Galicia e en Bruxelas”, avanzou.
A líder socialista, que estivo acompañada pola deputada Patricia Otero e o secretario de Agricultura, Gandaría e Desenvolvemento Rural do PSdeG, Roberto Fernández, lamentou que na recente viaxe que Besteiro realizou á capital europea puido comprobar “que Rueda non se coñece en Bruxelas”, algo que cualificou de “triste” porque significa que “nunca foi dar a ara polos gandeiros e pola nosa comunidade”.
“Estamos nun momento crucial, porque se vai definir o marco financeiro plurianual 2028-2034 e as decisións que se tomen agora van condicionar o futuro das nosas explotacións”, sinalou Méndez para advertir que é “fundamental” que se escoite a Galicia en Europa, “como acaba de facer o Partido Socialista da man de José Ramón Gómez Besteiro”. Por iso, criticou que Rueda estea “ausente” dun debate “que parece que non lle preocupa”.
“Nós o que queremos é unha PAC forte, cos dous piares que ten agora”, dixo, para contribuír non só ao mantemento das explotacións, senón tamén ao relevo xeracional e á ordenación do territorio. “É fundamental para evitar o despoboamento, pero tamén para evitar vagas de lumes como a que sufrimos hai poucos meses e que a Xunta parece que xa ten esquecido”, defendeu, e engadiu que os terreos en produción son “a mellor forma de previr e combater os incendios”.
300 millóns menos para Galicia
“O PP ten que elevar a voz cos seus compañeiros para dicirlles que non se pode facer esa redución da PAC”, insistiu Lara Méndez. A esa idea sumouse Patricia Otero, que lles pediu aos populares que “non rompan a unidade que o Goberno acadou coas organizacións agrarias para facer unha fronte común e conseguir que non se perdan recursos”, un posible descenso que cifrou no entorno dos 300 millóns de euros no caso de Galicia.
A deputada no Congreso salientou que onde se está a decidir sobre eses fondos é nunha Comisión Europea “presidida polo Partido Popular, nun Parlamento Europeo tamén con maioría do PP e cun comisario de Agricultura do PP”. “É necesario que tamén os presidentes das comunidades fagan o seu traballo, e no caso de Rueda pedímoslle que vaia a Bruxelas falar co comisario, que é da súa mesma cor política, para axudar a parar esta proposta tan regresiva para os intereses do sector primario”, concluíu.
Proposición non de lei
A proposición non de lei que o Grupo Socialista defenderá na Cámara autonómica insta á Xunta a rexeitar publicamente a proposta da Comisión Europea de reducir os fondos da PAC e a defender que se manteñan os seus dous piares: por unha banda, as axudas directas, e por outra, as destinadas ao desenvolvemento rural. Tamén insta ao Goberno de Rueda a situar os intereses do sector primario galego como unha prioridade en calquera negociación coas institucións europeas, para acadar un financiamento acorde coas necesidades do rural.
En canto ás estratexias e ao posicionamento da Administración autonómica, os socialistas reclaman un fortalecemento das canles de participación das organizacións agrarias co fin de que se recollan de xeito efectivo as súas achegas. Finalmente, reclaman a posta en marcha de iniciativas complementarias para un sector que consideran de vital importancia. Entre outras accións propoñen o impulso de campañas para fomentar o coñecemento do papel que o sector primario xoga na economía, na alimentación, na conservación do territorio e na loita contra o despoboamento.