“Mentres nós tomamos medidas para garantir o control e o bo uso dos recursos públicos, tamén aquí en Galicia, outros, cando se lles pide que dean explicacións, recorren ao bloqueo e á ocultación”, denunciou a viceportavoz segunda
O Grupo Socialista defenderá no pleno do Parlamento a elaboración dun novo plan galego de saúde mental, tras as advertencias do Consello de Contas sobre as “graves deficiencias” na xestión por parte da Xunta
O Grupo Socialista esixirá no próximo pleno do Parlamento un novo plan galego de saúde mental “que recolla as necesidades reais da poboación e que se deseñe da man de persoal especializado”. Será ante o contido do último informe do Consello de Contas, “que advirte das deficiencias graves na xestión da saúde mental por parte da Xunta”, explicou Lara Méndez tras a reunión da Xunta de Portavoces celebrada esta mañá.
Na rolda de prensa posterior á xuntanza, citou varias desas eivas: “Amento exponencial das consultas de psiquiatría desde a pandemia, listas de espera que aumentan, falta de planificación e coordinación e escaseza de recursos”. Por enriba, todo iso prodúcese nun momento “no que o 27 % da poboación galega está en risco de padecer problemas de saúde mental”.
Lembrou tamén que o PSdeG leva denunciando ese abandono desde hai tempo, e agora é o Consello de Contas, “unha vez máis”, o que acaba “sacándolle as cores a Rueda”, algo que xa fixera “cando puxo en evidencia o sobrecuste do hospital Álvaro Cunqueiro e os contratos menores en sanidade adxudicados a amigos e familiares de Feijoo, como a súa propia irmá ou o noivo de Ayuso”.
Lara Méndez apuntou, respecto do xeito de actuar ante ese tipo de situacións, ás diferenzas entre formacións políticas. “Para os e as socialistas, a transparencia é un principio irrenunciable; para o PP, un problema que tapar”, afirmou, e insistiu: “Mentres nós tomamos medidas para garantir o control e o bo uso dos recursos públicos, tamén aquí en Galicia, outros, cando se lles pide que dean explicacións, recorren ao bloqueo e á ocultación”.
A modo de exemplo, confrontou, por unha banda, o anuncio do secretario xeral do PSOE respecto da posta en marcha dunha comisión de investigación sobre o caso Koldo, e por outra, que en Galicia houbo que “obrigar” aos populares a crear unha comisión de investigación sobre o sobrecuste do Cunqueiro e os contratos a amigos e familiares de Feijoo. “E todos sabemos o que fixo o PP: impedir comparecencias, atrasar informes, dificultar o acceso á documentación e, ao final, utilizar a súa maioría para bloquear calquera responsabilidade política”, criticou, ademais de recordar que Feijoo se negou a dar explicacións na devandita comisión “pese a estar claramente vinculado” cos feitos que se estaban a investigar.
Méndez levou esas diferenzas entre o PSOE e o PP a outros dos temas que o Grupo Socialista vai defender no pleno. “Mentres os populares abandonan comarcas enteiras, como A Mariña, nos reclamamos que se recupere a súa área sanitaria propia, porque non pode ser que haxa pacientes de primeira e de segunda en función do hospital que lles toque. Fronte a quen prefire abrazar a denunciados por agresións sexuais, nós defendemos ás vítimas e esiximos políticas efectivas contra as violencias machistas”, destacou.
Respecto disto último, lamentou que a día de hoxe un 40 % do territorio galego siga sen contar con centros de información á muller, polo que o PSdeG lle reclama á Xunta que, en colaboración coa Fegamp, “estableza un novo marco de financiamento con fondos propios para garantir estes servizos en todo o territorio”.
A viceportavoz segunda enumerou, xunto con eses asuntos, “outras cuestións fundamentais” que se van traducir en diferentes iniciativas durante a sesión plenaria, como o fracaso da política demográfica do PP, “que sitúa a Galicia á cola en saldo vexetativo”, a necesidade de reforzar a prevención dos incendios forestais ou a urxencia de licitar “dunha vez” o tramo da autovía da Costa da Morte entre Baio e Berdoias.
“Con todo isto, a pregunta que lle imos facer ao presidente é se cre que lles está dando respostas aos problemas dos galegos e das galegas”, concluíu Méndez.