O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista propón reformular o modelo asistencial deste servizo porque “a saúde mental non é un dereito garantido de maneira efectiva no Sergas”
Julio Torrado vén de alertar sobre a situación da saúde mental en Galicia, que será “a gran resaca da pandemia”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, trala presentación dunha interpelación ante o conselleiro de Sanidade.
“Os datos evidencian que unha de cada cinco persoas en Galicia sufrirá un problema de saúde mental nos próximos meses e, destas persoas doentes, dúas de cada tres non van poder ser atendidas” polo Sergas, denunciou o socialista.
Por este motivo, Torrado propuxo reformular o modelo asistencial deste servizo, cando hoxe “a saúde mental non é un dereito garantido de maneira efectiva no Sergas”, senón que “é máis un privilexio”. “Temos un número ínfimo de profesionais con respecto aos que necesitamos”, asegurou o socialista, quen lamentou que “Galicia non estea preparada para afrontar as necesidades que temos”.
Nesta liña, sinalou o “problema de minusvaloración” que sofre a saúde mental a nivel social, ao que contribúe a Xunta “minusvalorando a súa atención e importancia dentro do sistema público”. De feito, incidiu en que cando alguén sofre un problema de saúde mental “o pensamento habitual é que hai que ir a un psicólogo, pero un psicólogo privado”.
Torrado criticou un sistema público “profundamente entregado á farmacoloxía” cando “é unha vía efectiva en certas circunstancias, pero non é a única”. Por iso, pediu unha “reformulación do modelo asistencial” que permita “redimensionar” a atención en saúde mental, a través de tres eixos: persoal, recursos e un novo modelo asistencial.
“O novo modelo asistencial debe pasar por: máis tempo para os pacientes, máis capacidade asistencial, menos farmacoloxía, máis terapia e un servizo máis humano”, sentenciou o socialista, quen lembrou que “non hai nada máis humano que ter máis persoas na sanidade” e Galicia “ten o peor cociente de persoal en saúde mental de España”.
Neste senso, incidiu na necesidade de integrar as unidades de saúde mental dentro da atención primaria, a través da integración de profesionais, xa que “hoxe en día están afastadas dos centros de saúde e dos hospitais”, o que contribúe “á idea de que é algo illado”.
O HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE CONXO, “UN SUMIDOIRO DOS DEREITOS HUMANOS”
Torrado criticou a situación do Hospital Psiquiátrico de Conxo, “un sumidoiro dos dereitos humanos, tal e como dixeron os seus propios profesionais”. Así, esixiu ao goberno galego que afronte “o gravísimo problema” que está a vivir este centro dende hai anos, onde “non se garanten os dereitos dos pacientes” e cuxas eivas xa foron denunciadas polo Defensor do Pobo a través dos informes do Mecanismo Nacional para a Prevención da Tortura.
Por último, Torrado urxiu ao goberno galego a prometida Unidade de Hospitalización Xeriátrica Infanto-Xuvenil no sur de Galicia, que “o señor Feijóo prometeu tantas veces”. “Prometen moi ben, pero cumpren moi mal”, sentenciou o socialista.