O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, criticou hoxe a “improvisación pura e dura” da Xunta na creación dos postos de dinamizadores da FP Dual. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei opara pedirlle á Xunta que explique o procedemento deseñado para estas contratacións, que foi rexeitada polo PP.
O representante socialista sinalou que desenvolver un procedemento de tal envergadura en 17 días supón, ironizou, un “fito histórico nunca visto na administración galega”, que reduciu a que a Xunta en realidade limitouse a “vir fraguando” a creación da rede. Dixo que o procedemento afecta a 46 centros seleccionados que contarían cos profesionais de dinamización da FP Dual, e que contarán con dedicación completa e exclusiva “sen dar unha soa hora de clase”.
Advertiu que estas persoas “apuntáronse a algo que non sabían nin o que era”, e que en realidade deben encargarse de “facer prospección de empresas, atender as necesidades dos titores e das empresas, divulgar a FP dual entre o alumnado doutros niveis educativos, asesorar a todos os actores participantes nos proxectos de FP dual e formar e informar a eses actores e realizar outras actuacións relacionadas coa FP dual”.
Sinalou que se trata dunhas tarefas que “distan moito de ser gratuítas ao supor un custo mínimo anual de 1,4 millóns de euros en salarios, sen computar nin trienios, sexenios nin pagas extras” e que “superan en redución horaria a todo o establecido ata o momento para o desempeño das responsabilidades dos centros”.
O deputado socialista reclamoulle á Xunta “o coñecemento do procedemento que ten deseñado para avaliar a implantación da rede galega de dinamización da FP dual”. Sinalou que “é verdadeiramente sinxelo establecer uns indicadores de avaliación” e advertiu ao Goberno de que “o que non se avalía non se sabe se funciona ou non”.