O secretario xeral destaca que o goberno socialista traballa a favor de Galicia co AVE, as estacións intermodais e a conexión de Galicia no corredor Atlántico
Madrid, 21 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este mércores unha xuntanza de traballo coa presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera, para abordar as obras do AVE, a marcha dos proxectos das estacións intermodais nas distintas cidades e os traballos para a inclusión de Galicia no corredor atlántico ferroviario.
No que atinxe á chegada do AVE, o líder dos socialistas galegos constatou que “todas as obras están contratadas”, de xeito que non existe “ningún risco orzamentario”, e que o avance dos traballos é o adecuado para garantir o “compromiso” do goberno de Pedro Sánchez de que a conexión de alta velocidade chegue a Galicia no vindeiro ano.
Así mesmo, deu conta dos “esforzos” que se están facendo dende o Ministerio de Fomento para desenvolver a chegada do AVE a Lugo; ao tempo que puxo en valor o compromiso amosado ao asumir a realización do estudo hidrogeolóxico necesario para a conexión do AVE con Vigo.
En paralelo, Isabel Pardo trasladou a Gonzalo Caballero o “importante compromiso” do goberno socialista coas estacións intermodais das cidades galegas.
Á marxe destas cuestións, a responsable do ADIF explicou ao secretario xeral do PSdeG os avances para a inclusión de Galicia no corredor atlántico, de xeito que se poderían recibir fondos comunitarios para a mellora da rede ferroviaria de mercadorías no período orzamentario que vai de 2021 a 2027.
“É moi importante para a nosa loxística”, valorou Gonzalo Caballero ao termo do encontro, consciente do que suporía en termos de competitividade a mellora da rede de ferrocarril e a súa conexión cos portos.