O secretario xeral destaca a Manuel Cuíña como “un alcalde comprometido e dedicado” que manterá o goberno pola súa “grande xestión municipal”
Silleda, 25 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe en Silleda na presentación do candidato á reelección, Manuel Cuíña, e dende alí destacou que os socialistas son “exemplo de gobernos de progreso”. Nesa liña, chamou a “cambiar as políticas do PP” na Xunta porque “Galicia paga a pena”.
Ante varios centos de persoas, o líder dos socialistas galegos recordou que Feijóo “está na porta de saída da política autonómica” despois de botar media lexislatura “pensando se ía para Madrid ou non”. Entrementres, sinalou, “Galicia vai a peor”, pois hoxe hai menos traballo que hai dez anos, menos poboación e máis avellentada, unha situación “agónica” nos concellos pequenos e unhas listas de espera “quilométricas” na sanidade que utilizou para ilustrar o “deterioro” dos servizos públicos.
Para conseguir o “cambio” que necesita Galicia, Gonzalo Caballero puxo como guía como os gobernos socialistas buscan “transformar para ben” a vida das persoas. Así ocorre, dixo, no Concello de Silleda, na Deputación de Pontevedra dende a chegada de Carmela Silva e no goberno de España con Pedro Sánchez á fronte.
“Somos o partido da igualdade”, resaltou o máximo dirixente do PSdeG, quen contrastou as “políticas para a maioría” dos socialista coa “regresión” que impón a dereita. “Algúns queren facer da política un campo de batalla, pero hoxe o PSOE está en condicións de ser a primeira forza”, recalcou, para asegurar que eses resultados servirán para afondar “no reto de que a recuperación económica” que se ve nas grandes cifras “chegue a cada familia”.
“ALCALDE COMPROMETIDO E DEDICADO”
Con ese obxectivo de “manter a senda de progreso” de Silleda, Gonzalo Caballero destacou a Manuel Cuíña como “un alcalde comprometido e dedicado” ao seu concello e situouno entre “os grandes alcaldes” do PSOE.
Pola súa “grande xestión municipal”, augurou que verá incrementada a súa maioría absoluta nos comicios municipais e que poderá continuar o seu proxecto “de futuro” para Silleda.
BOA XESTIÓN ECONÓMICA E SERVIZOS
Diso falou o propio rexedor, quen afirmou que a súa boa xestión económica está ratificada polos datos do ministerio e que iso non é incompatible cos traballos para construír un campo de fútbol ou un centro de día residencial.
Era, como explicou, unha “necesidade urxente”, pois “temos 15 veciños desprazados” en residencias fóra do concello e “teñen que poder volver a Silleda”.
Ademais, indicou que os bos números económicos permitiron que Silleda pasase de ter, “durante máis de 20 anos, a auga máis cara da comarca”, a ter hoxe “a máis barata”; ou a asumir os gastos do transporte metropolitano que non abona a Xunta.
“O MELLOR ALCALDE POSIBLE”
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, advertiu no seu discurso que “non se pode consentir” a desigualdade nin entre territorios nin entre homes e mulleres. “E somos o único partido que aprobou leis para acadar os dereitos que nos corresponden ás mulleres”, enfatizou, consciente de que aínda queda traballo por facer, por exemplo, para atallar a fenda salarial.
Con ese exemplo da loita do PSOE pola igualdade, Carmela Silva fixo fincapé en que “somos diferentes” e tamén o é a nosa forma de gobernar. Así é que agora o reparto dos fondos da provincia non se fai “entre os alcaldes amigos” do PP, como ocorría na etapa anterior.
E, co foco posto en Silleda, valorou o “compromiso” de Manuel Cuíña co seu concello. “Representas o mellor da condición humana”, destacou a presidenta da Deputación, antes de asegurar que é “o mellor alcalde posible” e que o seguirá sendo tralas eleccións municipais. Así mesmo, prognosticou que “Gonzalo vai ser o próximo presidente da Xunta”, porque é “unha persoa que cre no seu pobo”.
“OUTRO XEITO DE GOBERNAR”
No acto tamén interveu o secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, David Regades, quen incidiu en que os socialistas “temos outro xeito de gobernar”, como se aprecia agora na Deputación de Pontevedra.
“Tampouco somos todos iguais”, proseguiu, no goberno de España, pois fronte a “un goberno esgotado” e con “falla de democracia e de transparencia”, Pedro Sánchez puxo en primeiro termo “ás persoas”. A suba das pensións, o incremento do salario mínimo ou a obriga de que a banca asuma os impostos das hipotecas son mostra, dixo, da aposta pola “dignidade” do executivo socialista.
É por iso que como vaticinou o dirixente socialista pontevedrés, o PSOE vai ser “primeira forza” nas vindeiras eleccións municipais en España, en Pontevedra e, de novo, en Silleda.
“VOLVEREMOS GANAR”
Finalmente, a vicesecretaria xeral do PSdeG na provincia de Pontevedra, Paula Fernández Pena, destacou o bo traballo posto en marcha por Manuel Cuíña neste mandato e deu por feito que seguirá no cargo despois do vindeiro 26 de maio.
“Volveremos ganar”, proclamou quen tamén foi rexedora en Silleda, e puxo en valor o traballo de todos os que formaron parte das listas socialistas neste municipio da provincia de Pontevedra.
54 MULLERES ASASINADAS
Durante o acto, que coincide co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, houbo tempo para recordar ás 54 mulleres asasinadas este ano en España a causa da violencia machista.