O secretario xeral ironiza con que Feijóo e Casado xúntanse hoxe para “celebrar os desastres electorais do PP” nun novo curso político que será “o do batacazo definitivo do PP en Galicia”
Santiago, 7 de setembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe a primeira xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega dun novo curso político que “os e as socialistas afrontamos con ilusión, con ganas e con compromiso, poñendo a Galicia como referente da nosa acción política”.
“Todo o socialismo galego está comprometido cos intereses da cidadanía e cun país que necesita pasar páxina dos anos de Feijóo. Necesitamos aire fresco, un novo tempo político e máis esperanza de futuro”, remarcou Gonzalo Caballero, quen situou ao PSdeG como “a casa común do progresismo” e de todos aqueles que ven chegado o tempo de “abrir as fiestras da Xunta”.
Non en van, o líder dos socialistas galegos sinalou que o PSdeG é “a garantía dun goberno no que se pode confiar” e “capaz de conectar coa maioría de progreso” que existe en Galicia.
“Estamos comprometidos cos intereses produtivos dunha Galicia que ve que a Xunta non aposta pola industria, nin polos sectores primarios nin polos eidos tecnolóxicos máis avanzados; que foi inimiga das cidades e que abandonou o medio rural”, criticou Gonzalo Caballero, sen esquecer que “Feijóo careceu de sensibilidade social e fixo dos recortes a súa bandeira”.
De feito, o máximo dirixente do PSdeG puxo de relevo como “Feijóo leva tres anos buscando o seu encaixe no PP, debaténdose entre se ía a Madrid ou quedaba en Galicia” e, no último tempo, “buscando acomodo” no equipo de Casado e Álvarez de Toledo, que representan “a dereita máis vella e máis rancia”.
“SOMOS A GARANTÍA”
Neste contexto, Gonzalo Caballero reivindicou que “os socialistas somos a garantía para a cidadanía”. “Para os pensionistas, os traballadores, os desempregados, os estudantes, para os que acudimos á sanidade pública, para que vemos que o rural perde pulo e que a xente nova non ten posibilidades de futuro”, apuntou.
Precisamente por iso dirixiuse a todos os que “queren un rexurdimento da política e da sociedade galega” e non “unha Galicia cada vez máis miúda e máis intranscendente no conxunto de España”: “Necesitamos abrir un novo tempo político liderado polo PSdeG”.
De aí que o líder do PSdeG sinalase que “todos os que queren o cambio en Galicia teñen cabida” dentro do proxecto socialista para Galicia. “Todo o talento de Galicia ten as portas abertas do PSdeG para que, por riba do partido, o interese común sexa o que nos mova”, asegurou.
“O DESASTRE ELECTORAL DO PP”
Gonzalo Caballero contrastou o inicio do curso político dos socialistas, centrado en Galicia, co acto de Feijóo e Casado en Cerdedo-Cotobade. “Tamén o fixeron hai un ano e tiveron o maior desastre electoral en España e en Galicia”, recordou, e augurou que o ano que queda por diante “volverá ser o do batacazo electoral do PP en España e o batacazo definitivo de Feijóo en Galicia”.
“Reúnense para celebrar os desastres”, ironizou o dirixente do PSdeG, en alusión ás derrotas electorais do PP en España e en Galicia nos comicios dos pasados meses de abril e maio.
E, á vista das declaracións de Feijóo estes días, Gonzalo Caballero botou en falta no acto de hoxe a Esperanza Aguirre e a Cristina Cifuentes, “as dúas referentes de Pablo Casado e a quen Feijóo tanto defende poñendo a man no lume por elas”.
Neste escenario, o candidato socialista á Presidencia da Xunta recomendou a Feijóo e a Casado “rachar os seus acordos con Vox e dicir que nunca máis volverán pactar coa ultradereita” se o que perseguen é recuperar o espazo electoral perdido. “Os galegos queremos forzas políticas moderadas e progresistas, e o PSdeG será a referencia para a maioría do país”, concluíu.