O secretario xeral mantén unha xuntanza co presidente da Deputación de Lugo para traballar pola provincia na que ten que ser “a lexislatura da protección das persoas”
José Tomé reclama á Xunta un plan sociosanitario que recupere os recortes nos servizos públicos, así como un plan industrial e medidas para os sectores primarios
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para avaliar as necesidades da provincia de cara á elaboración dos vindeiros orzamentos. “Lugo non pode seguir esquecido pola Xunta”, recalcou.
Nese senso, Gonzalo Caballero indicou que fronte aos “esquecementos” da Xunta coa provincia, os socialistas “traballaremos pola economía, a industria, os servizos públicos e as infraestruturas de Lugo”.
“Hai necesidades en política social nunha provincia con moita xente maior; hai necesidades na educación pública, na que faltan medios e profesores; en todas as bisbarras houbo recortes en pediatría e atención primaria; non houbo en 11 anos ningún proxecto relevante nunha provincia que foi perdendo peso industrial e que afronta retos evidentes; hai incumprimentos en infraestruturas…”, enumerou o líder do PSdeG, quen chamou a aproveitar a chegada de fondos europeos para “reactivar a provincia”.
Ademais, o mesmo día que se constituíu a comisión para a reconstrución de Galicia, Gonzalo Caballero comprometeuse a levar a este órgano parlamentario “as demandas e as preocupacións de Lugo” e a necesidade de que esta sexa “a lexislatura da protección das persoas”. “Imos traballar con seriedade e imos cumprir”, remachou.
A renglón seguido, o máximo dirixente do PSdeG puxo de relevo “o traballo en beneficio da cidadanía de Lugo” posto en marcha pola Deputación e polo seu presidente. “Está facendo un traballo con rigor para protexer á cidadanía, máxime en momentos de crise e pandemia”, destacou.
NECESIDADES DE LUGO
Pola súa banda, José Tomé recalcou que a Xunta ten que deseñar un plan no eido sociosanitario que “recupere os recortes na sanidade pública destes anos” e que “acheguenos servizos á cidadanía, porque “non se pode desarraigar á xente”. Nese sentido, indicou que a Deputación de Lugo ten as residencias de maiores espalladas por toda a provincia.
Ademais, recordou que a Xunta ten pendente con Lugo un plan industrial que poña en valor os produtos do sector primario, como a madeira e o leite. “É difícil crear emprego se non se ten en conta o sector primario”, advertiu.
En materia de infraestruturas, proseguiu, son moitas as demandas que son xa “históricas” na provincia, como a vía de alta capacidade da Costa Norte, o acceso ao porto seco de Monforte ou o desdobramento da autovía de Lugo a Sarria.
Ademais, requiriu un plan de dixitalización para unha das provincias con máis zonas escuras de cobertura de teléfono e de internet. “Non se pode apostar polo progreso da provincia se non temos cobertura suficiente para que as empresas poidan funcionar”, evidenciou Tomé, e reclamou á Xunta que use fondos europeos para unha cuestión que sirve para dinamizar a economía e tamén para asentar población no medio rural.