O secretario xeral asegura que as restricións que decida a Xunta atoparán a “corresponsabilidade” do PSdeG, pero reclama a Feijóo que deixe “a axenda de Casado” e atenda “as dificultades dos galegos”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe a “viraxe” protagonizada por Feijóo ao pechar completamente 60 concellos galegos só “seis días” despois de “atacar o estado de alarma” e negarse a blindar Galicia. Ao respecto, garantiu que todas as restricións que decida a Xunta atoparán a “corresponsabilidade” dos socialistas, pero recriminou que medidas de “tanto calado” como pechar a hostalería non conleven axudas directas para os sectores prexudicados.
Ao fío diso, nunha comparecencia ante os medios, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “as decisións necesarias” para frear o avance da pandemia teñen que ter en conta a situación dos pequenos negocios. “Outras comunidades aprobaron axudas directas en marzo ou abril, pero en Galicia só houbo anuncios que aínda non chegaron”, evidenciou, consciente de que a Xunta leva “moito retraso” na súa aprobación.
“As axudas anunciadas chegan tarde, mal e a rastro”, incidiu o líder do PSdeG, toda vez que as previsións de fondos son “escasas” nun momento no que a hostalería e o pequeno comercio “necesita osíxeno” porque está “ao borde do precipicio”. Así, cualificou de “irrelevantes” as axudas anunciadas ante a gravidade da crise e reprobou que non se activaran automaticamente logo de aprobar as restricións que Feijóo negaba que fose decretar.
Ao respecto, precisamente, Gonzalo Caballero criticou a “inconsistencia” que está amosando Feijóo fronte á pandemia, nun momento que “pódese vir dende Madrid a Baiona, pero non de Vigo a Baiona; ou pódese vir dende Madrid a Cedeira, pero non de Ferrol a Cedeira”. “Hai que tomar as medidas de xeito ponderado”, defendeu, e deixou claro que o PSdeG “non aspira a un novo confinamento domiciliario”.
QUE FEIJÓO ATENDA ÁS SÚAS COMPETENCIAS
Dito isto, o máximo dirixente do PSdeG urxiu a Feijóo a que deixe de “perder o tempo con falsos debates” e atenda ás cuestións que son da súa competencia, aumentando o número de rastrexadores, reforzando a atención primaria, mellorando a campaña de vacinación fronte á gripe ou aprobando axudas directas para os sectores afectados polas restricións.
Así, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que deseñe uns orzamentos que sirvan para “rescatar á cidadanía galega” e que deixe de tentar “botar balóns fóra”. “Parece que prefire seguir a axenda política que lle marca Casado que centrarse nas prioridades de Galicia”, recriminou, ao tempo que requiriu a Feijóo que compareza “regularmente” no Parlamento para dar conta da evolución da covid en Galicia.