O líder do PSdeG censura que Feijóo tente agora poñer en cuestión o avance das obras logo de “estar calado durante os anos nefastos nos que Rajoy e Ana Pastor non investían” na alta velocidade
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, para coñecer o ritmo de execución das obras do AVE a Galicia, que estarán rematadas o vindeiro ano “a pesares dos retrasos causados por Feijóo e Rajoy”.
Aludiu así aos tres anos, entre 2014 e 2017, nos que o propio Tribunal de Cuentas detectou unha paralización na construción da liña de alta velocidade ferroviaria a Galicia, con Rajoy como presidente e Ana Pastor como ministra de Fomento, e con Feijóo “en silencio” dende a Xunta.
Precisamente por iso, Gonzalo Caballero censurou que Feijóo tente agora “confrontar co goberno de España” poñendo en cuestión o avance das obras, logo da “complicidade” que amosou cando preferiu “estar calado durante eses anos nefastos” do PP á fronte do executivo.
“O que tería que facer Feijóo é explicar por que calou mentres Rajoy e Pastor decidían paralizar o AVE a Galicia”, sentenciou o máximo dirixente do PSdeG, antes de esixir “un pouco de coherencia” a Feijóo nas súas críticas ao goberno de Pedro Sánchez a poucos meses de que conclúan as obras do AVE a Galicia.