O voceiro do PSdeG na Cámara reclama “pasar da contabilidade á política económica” para “protexer ás persoas e apoiar ao tecido produtivo” e denuncia que Galicia é a comunidade que “menos axudou” á hostalería
O líder socialista sinala que os 1.100 millóns extra que chegan do Estado permiten orzamentos da Xunta expansivos e reclama máis compromiso en sanidade, educación e políticas sociais e un fondo de 100 millóns de euros a maiores para os concellos
Santiago, 21 de decembro de 2020. O voceiro socialista no Parlamento, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no debate de Orzamentos para pedir á Xunta que “rectifique” e corrixa a perda de peso relativo dos servizos públicos nas contas, que apoie ao medio rural, á industria e á mocidade e que elimine “a navallada aos concellos”.
De feito, tras criticar que Feijóo nunca fixo “nin o máis mínimo intento de chegar a un acordo” sobre como orientar a reconstrución de Galicia trala covid, o líder do PSdeG amosouse disposto a retirar a súa emenda á totalidade dos orzamentos a cambio de “máis fondos” para a sanidade e a educación públicas, para a política social, para un plan de axudas á hostalería e o pequeno comercio, para apoiar ao tecido produtivo e para respaldar cos concellos.
En concreto, a emenda do PSdeG recolle 100 millóns de euros adicionais para a sanidade, 80 para a educación, 50 para políticas sociais, 60 para comercio, hostalería e turismo e 100 para os concellos. “Nós temos os números ben calculados, son cousas que se poden facer”, afondou. Finalmente, Caballero concluíu que non hai proxecto de país, nin contidos, nin rumbo nas contas autonómicas: “Os orzamentos da Xunta son tan cribles como Feijóo e Casado falando sen mascarilla de sentidiño e de prudencia ante a covid”, denunciou Gonzalo Caballero.
Ao fío disto, o dirixente socialista chamou á “responsabilidade” para “non cometer imprudencias que dean mal exemplo á cidadanía” e advertiu que estes orzamentos “non son os que Galicia está esperando”. “Fan un documento contable, pero sen proxecto de país, nin orientación, nin ambición, nin contido”, remachou, ao tempo que criticou que a Xunta pretenda xestionar unha crise desta envergadura “pechados dentro do PP e instalados no rodillo da maioría parlamentaria”.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero garantiu que o goberno galego terá “a man tendida” do PSdeG fronte á maior crise que se recorda, porque “nos preocupa ver que carecen de proxecto de país”. “E non podemos desaproveitar a oportunidade histórica dos 1.100 millóns de euros extra que veñen do goberno de España e da Unión Europea”, agregou.
“ESQUÉCENSE DA XENTE”
En relación co anterior, o líder do PSdeG lamentou que “os galegos e as galegas senten o frío que xera a ausencia da Xunta á hora de protexer ás persoas”, cuestión que exemplificou con que “a medida estrela” da Xunta na primeira paga da covid foi adiantar o pago dos ERTE, como xa fan as entidades bancarias, e agora unhas axudas á hostalería que supoñen “menos de 900 euros por establecemento” a pesares das “falsidades” publicitadas. Así, sinalou que a Xunta anuncia que os autónomos poden solicitar 2000 euros de axuda ao ano, pero que esa escasa axuda só podería chegar a 35.000 dos máis de 200.000 autónomos galegos.
“Son o goberno autonómico que menos apoia á hostalería e ao comercio”, reprochou ao conselleiro de Facenda, e atribuíu este feito a que “o ideario neoliberal segue presente” na Xunta a pesares do aumento do nivel de gasto que vén dado polo goberno de España. “Sen eses fondos, a súa aposta pola reactivación sería cero”, evidenciou sobre a negativa de Feijóo a subir as contas.
“Tras o catecismo dos recortes durante anos, atópanse con orzamentos expansivos e quedaron descolocados con tantos fondos extra”, ironizou Gonzalo Caballero, consciente de que este aumento do gasto público supón “unha emenda á totalidade” da política feita polo goberno de Feijóo ata o de agora, e recalcou que esa maior dispoñibilidade de recursos públicos ten que servir para “relanzar a economía” e “non deixar abandonada á xente”.
“Pero vostedes prefiren quitar o imposto de Patrimonio aos millonarios antes que pagar a axuda no fogar aos dependentes”, censurou o máximo dirixente do PSdeG, quen recriminou ao goberno galego que “seguen instalados na confrontación gratuíta” co goberno presidido por Pedro Sánchez e trala “pancarta de España nos roba”, o cal xulgou unha “irresponsabilidade” ademais dunha “falacia”.
Así as cousas, urxiu á Xunta a deixar “a política da contabilidade” para pasar a facer “política económica” e, deste xeito, “protexer ás persoas, loitar contra a desigualdade e apoiar ao tecido produtivo” para a saída desta crise. “Non desaproveiten a oportunidade histórica de facer un plan de impulso para a recuperación”, subliñou, e recordou que, antes da chegada da covid, Galicia perdera 70.000 ocupados nun período no que en España aumentaran 670.000.
“FALLA DE LEALDADE COS CONCELLOS”
Por último, Gonzalo Caballero denunciou o recorte que reflicten as contas da Xunta para o ano que vén no Fondo de Cooperación Local, o que supón reducir as partidas para os concellos galegos precisamente nun momento no que tiveron que asumir moitos gastos para atender á cidadanía en cuestións de competencia autonómica pero que o goberno galego non asumiu.
“Non é un comportamento leal”, reprobou o líder do PSdeG, crítico con que a Xunta reduza as aportacións aos concellos a pesares de ver incrementados os seus ingresos gracias aos fondos do goberno de España e da UE. “Rectifiquen”, instou ao goberno galego, consciente de que estes “non son uns bos orzamentos”.