O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, dedicará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento a reclamarlle ao presidente da Xunta que dea conta sobre o recente auto da Audiencia Nacional sobre a fusión das caixas de aforros. Así o explicou o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, despois da Xunta de Portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana.
O responsable socialista sinalou que a Audiencia Nacional “ratifica a viabilidade Caixanova, que nunca tería sido intervida se non fora obrigada a fusionarse”, o que “desmonta a tese do presidente da Xunta durante os últimos 10 anos”. O secretario xeral do PSdeG reclamaralle unha explicación ao presidente da Xunta sobre un proceso amparado nunha suposta auditoría elaborada por KPMG que “nunca apareceu”, e que elevou á categoría de “auténtico Expediente X”.
Sinalou que mesmo “posteriormente soubemos en sede parlamentaria que os propios autores do informe negaban que fora unha auditoría”, informe que aínda non foi facilitado ao Parlamento, algo “inaudito”, dixo. Arangüena puntualizou que o proceso aínda está “pendente de explicación” logo dunha privatización que custou 8.000 millóns de euros do patrimonio de tódolos galegos e galegas, o equivalente, dixo, a tres cuartas partes dos Orzamentos da Xunta.
Arangüena explicou que o Grupo Socialista plantexou diante da Mesa do Parlamento unha proposta para a constitución dunha Comisión de Investigación para determinar as “causas e responsabilidades” da privatización das antigas caixas de aforros.
Alcoa
A sesión plenaria incluirá ademais unha pregunta oral do Grupo Socialista para reclamarlle ao goberno galego que poña en marcha tódolos mecanismos para garantir unha “saída razoable no mantemento dos postos de traballo e da capacidade produtiva da planta de Alcoa en San Cibrao”. Apelou así ás competencias propias do goberno galego en materia de Economía e Industria e chamou a “remar todos na mesma dirección”.
O Grupo Socialista tamén incluirá unha interpelación sobre a contratación de profesionais sanitarios diante do “preocupante repunte” de casos de coronavirus en Galicia, así como tres mocións sobre a política do goberno galego en relación cos incendios forestais, a reactivación do sector cultural e a adaptación dos centros de ensino non universitario ao coronavirus.
O Pleno do Parlamento rematará cunha pregunta oral do Grupo Socialista sobre as actuacións xudiciais que se están a levar a cabo no Centro Tecnolóxico da Carne, que ten provocado que varios dos directivos foran chamados a declarar no contexto dunha investigación por presunta prevaricación, falsidade documental e malversación.