O secretario xeral denuncia “a situación crítica” que atravesa a sanidade pública galega, con “recortes, privatizacións e precarización laboral” que “acabamos sufrindo os galegos”
Ourense, 22 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza cos membros do partido en Ourense para analizar o “desmantelamento” da sanidade pública que impuxo Feijóo e que supón “un retroceso” nun país cunha elevada taxa de envellecemento.
“A sanidade pública galega está nunha situación crítica”, denunciou o líder dos socialistas galegos, quen puxo sobre a mesa que “todos sabemos que a política do PP en materia de xestión sanitaria implica un retroceso que acabamos sufrindo os galegos” en forma de aumento das listas de espera e de falla de profesionais.
Aludiu así Gonzalo Caballero á precarización do empleo dos profesionais sanitarios, aos recortes na Atención Primaria e de especialistas e á supresión das áreas sanitarias, que revelan “a falla de aposta de Feijóo pola sanidade pública”. “En vez de avanzar, retrocedemos”, enfatizou.
Por iso, garantiu que a sanidade pública será “unha prioridade fundamental” para o novo goberno galego liderado polo PSdeG. “Será unha referencia central para o goberno progresista”, incidiu, consciente da importancia dos servizos públicos para a cidadanía.
“ATAQUE” Á SANIDADE EN OURENSE
No que atinxe a Ourense, ademais, lamentou que “a gravidade” da situación empeora no caso das bisbarras máis afastadas, que ven reducidos os seus servizos e a atención que reciben. “Exemplifica o desmantelamento no medio rural”, criticou o máximo dirixente do PSdeG, á vista da caída no número de intervencións e ingresos en Valdeorras e da supresión do paritorio de Verín.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero recalcou que a sanidade non só ten que ser “pública, gratuíta e de calidade”, senón tamén “próxima”, porque do contrario non servirá debidamente á cidadanía.
Con todo, sinalou que a “perda de calidade” da sanidade pública en Galicia non só se aprecia nese “abandono do rural”, posto que na capital de provincia existen problemas co servizo de hemodinámica 24 horas; coa redución das cirurxías infantís, que agora se derivan a hospitais de fóra da provincia; e en servizos concertados como a comida.
“DESMANTELAMENTO” DA SANIDADE
Tamén do “desmantelamento” da sanidade pública falou o secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafa Villarino, quen deixou claro que “non se pode consentir” o que está ocorrendo na provincia.
“Entre Feijóo e Baltar están favorecendo a desaparición da provincia”, alertou o socialista, consciente do que supón o recorte nos servizos públicos para fixar poboación.
Por iso, despois de relatar a súa experiencia persoal en urxencias, onde incluso faltaban almofadas, Rafa Villarino anunciou a presentación dunha moción para correxir esta situación.
RECORTE DO 20%
Finalmente, tomou a palabra o coordinador comarcal do PSOE en Valdeorras, Tino Alonso, quen criticou que a Xunta de Feijóo está “degradando” a sanidade pública con recortes que priman “criterios economicistas” e non de servizo público.
É o caso, indicou, da anunciada supresión do paritorio de Verín a partir da vindeira semana ou do recorte do 20% en intervencións cirúrxicas e ingresos no hospital do Barco trala supresión da área sanitaria de Valdeorras.
“Isto non é un tema político, é un berro desesperado por unha sanidade pública digna”, concluíu Tino Alonso.