Santiago, 22 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe nunha mesa-coloquio que, en vésperas do 25 de novembro, Día internacional pola eliminación da violencia contra a muller, aborda esta cuestión polo miúdo.
Antes da apertura desta xornada, moderada pola vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García, Gonzalo Caballero reclamou ao PP que “poña fin aos pactos cunha ultradereita que nega a existencia da violencia machista”.
“Non se pode frivolizar con esta cuestión”, advertiu o líder dos socialistas galegos, non sen lembrarse das cinco mulleres asasinadas este ano en Galicia a causa da violencia machista.
Na mesa redonda que tivo lugar hoxe en Compostela interviron as concelleiras de Igualdade de Santiago, Pontevedra, Lugo e Vigo (Noa Díaz, Paloma Castro, Ana González Abelleira e Uxía Blanco, respectivamente), así como a coordinadora da área de Igualdade da Delegación do Goberno, María Debén, e a primeira deputada socialista no Parlamento galego, Rosa Gómez Limia.