O alto comisionado para a loita contra a pobreza infantil sinala que a UE demandou a España “invertir más y mejor” na protección da infancia
Santiago, 25 de febreiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe unha xuntanza de traballo cunha trintena de organizacións vinculadas á pobreza e á infancia en compañía do alto comisionado para a loita contra a pobreza infantil, Pau Marí Klose, para poñer en valor o compromiso do goberno socialista “nunha cuestión de país”.
“Preocúpanos especialmente, porque a recuperación económica non ten solucionado os problemas de desigualdade”, subliñou o líder dos socialistas galegos, quen destacou que “o reto que move a nosa acción política” é “a loita pola igualdade de oportunidades e a construción dunha sociedade igualitaria”.
Por iso, dende a óptica de que é necesario “facer unha sociedade máis xusta”, o PSdeG organizou hoxe unha xornada na que “estudar as dinámicas específicas” da pobreza infantil en Galicia. “Os datos amosan que un de cada catro nenos está en situación de risco”, recalcou Gonzalo Caballero, para quen “a importancia” desta cuestión implica situar o tema “na axenda política”.
E, fronte ao compromiso do goberno que encabeza Pedro Sánchez, o secretario xeral do PSdeG lamentou que o PP non apoiase uns orzamentos estatais que tiñan “un compromiso” coa loita contra a pobreza infantil, entre outras cuestións de prioridade social. “O PP fallou”, sentenciou.
Así mesmo, Gonzalo Caballero instou a Feijóo a “recoñecer o traballo” do executivo socialista neste senso, “un feito diferencial” co que ocorría cando o PP gobernaba o país. “Feijóo debería recoñecer o traballo do alto comisionado, cunha axenda transversal enfocada a que ningún neno vexa lastradas as súas posibilidades de desenvolvemento futuro”, concluíu.
“INVERTIR MÁS Y MEJOR”
Pola súa banda, o alto comisionado explicou que o drama da pobreza infantil era “una asignatura que llevaba mucho tiempo sin abordarse” e na que “nos jugamos muchísimo” tanto “en términos de justicia social” como de “igualdad de oportunidades”.
Ademais, indicou que o último informe da UE sobre o investimento de España para loitar contra a pobreza infantil reclamaba “invertir más y mejor” na protección da infancia, porque “se invertía poco y eso tiene consecuencias” en eidos como o fracaso escolar ou a obesidade infantil.
Por tanto, incidiu Pau Marí Klose, “la sociedad en su conjunto tiene que asumir esto” e implicarse, motivo polo cal a semana pasada o presidente do goberno mantivo tamén un encontro con empresas que “ya expresaron su voluntad de incorporarse a esta alianza de país contra la pobreza infantil”.