Pedro Duque reivindica que o goberno é “un valor seguro” e pide apoio para seguir traballando a prol da “redistribución” da riqueza
Lugo, 14 de abril de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe en Lugo nun acto en compañía do ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, para poñer en valor a importancia da educación para o desenvolvemento e a xustiza social.
“Para que todos os nenos teñan as mesmas posibilidades de explorar e expandir as súas potencialidades con independencia de onde naza”, resaltou o líder dos socialistas galegos, ao tempo que confrontou o compromiso coa “igualdade” do PSOE co panorama dunha dereita que virou á ultradereita.
Así, Gonzalo Caballero contrastou o modelo de país que está impulsando Pedro Sánchez dende o goberno, no que en 10 meses subiron as pensións e o salario mínimo e se puxeron en marcha plans de emprego xuvenil e de retorno dos que tiveron que marchar, co da dereita “disposta a pactar cunha ultradereita de compoñentes xenófobos e machistas”.
“Casado non ten as condicións mínimas, non dá o nivel político, para afrontar os retos que ten por diante o noso país”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, quen fixo fincapé en que “cada voto decide entre o avance e o retroceso”. Por iso, apelou a que “todos os votos de progreso vaian ao PSOE”, para frear á “dereita cavernícola”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero aludiu ás enquisas que din que “o PSdeG emerxe con forza” para advertir a Feijóo de que “estamos preparados para darlle o relevo” á fronte da Xunta cando decida convocar as eleccións. “Porémoslle fin”, concluíu, se ben chamou a non fiarse das enquisas e a lograr unha mobilización masiva o 28 de abril.
“UN VALOR SEGURO”
A continuación, o ministro Pedro Duque reivindicou que o goberno do que forma parte ten dado mostras de “credibilidad” e de “ser un valor seguro” e desmentiu as acusacións de que “estamos gastando lo que no hay” ou “los pactos con los independentistas”.
“Si os lo dicen, os están mintiendo”, advertiu, e pediu o apoio para o PSOE para que este goberno poida seguir traballando a prol da “redistribución” da riqueza e combatendo “la pobreza infantil” e as “desigualdades”.
De feito, Pedro Duque enmarcou nesta liña de traballo a súa decisión de formar parte do gabinete de Pedro Sánchez. “Quería devolver un poco de lo que me ha dado mi país”, subliñou, para recalcar que comprendeu que era o que “tenía que hacer” para “dar futuro a las siguientes generaciones”.
“ENCHER AS URNAS DE ILUSIÓN”
Pola súa banda, a alcaldesa, Lara Méndez, destacou que a Lugo “vaille mellor” cando goberna o PSOE, así que chamou a “dicir un non rotundo nas urnas ao PP” tanto o vindeiro 28 de abril como o 26 de maio, e despois nas eleccións autonómicas.
De feito, salientou que nestes 10 meses, o goberno socialista estivo máis pendente dos asuntos da provincia que nos sete anos anteriores do PP. Por iso, proclamou: “imos darlle un si de futuro ao país”.
Nesa liña, o secretario provincial do PSOE, Álvaro Santos, subliñou a importancia do campus universitario en provincias tan castigadas polo devalo demográfico como a súa e comprometeuse a “traballar arreo” para que Pedro Sánchez siga sendo presidente.
“Fixemos que pasase á historia a corrupción que estaba instalada na Moncloa e agora faremos que pase a España da esperanza e dos dereitos”, concluíu.
Tamén a cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Ana Prieto, chamou a “encher as urnas de ilusión” para manter un goberno que fixo “protagonistas ás persoas” e que representa “a única alternativa fronte á involución”. E é que, como dixo, as “tres siglas da dereita” traen consigo “un triple risco de desigualdade, crispación e corrupción”.
Por iso, ante a “posibilidade real” de que as tres dereitas “sumen” o suficiente, apelou a “traballar” por “conseguir un gran resultado” o vindeiro 28 de abril.