O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe “despregar todas as capacidades de goberno da Xunta e do Parlamento de acordo co Estatuto para, máis que nunca, despregar as mellores políticas públicas para protexer á cidadanía”. Así o dixo logo da constitución da Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia pola crise da covid, onde lle advertiu ao goberno galego que “non é o momento de aplicar o rodillo, senón de poñer ideas e propostas” para garantir o éxito deste órgano.
O dirixente socialista comprometeu “traballar con vontade de acordo na defensa firme e férrea dos servizos públicos, da educación pública e das políticas sociais para protexer á cidadanía nunha situación máis vulnerable”. Chamou a defender a sanidade pública, a educación e os servizos sociais, ao tempo que reivindicou unha política económica que sirva para “corrixir a enorme crise que estamos vivindo”, cunha caída da produción inédita dende a Guerra Civil.
Gonzalo Caballero apostou por concretar un “gran plan de reactivación económica, social e cultural para Galicia á altura dos tempos nos que vivimos” que complemente o esforzo da sorte de Plan Marshall que prepara a UE e as medidas de reactivación para España anunciadas onte polo presidente do goberno. Sinalou que “a Xunta, o Parlamento e o autogoberno de Galicia teñen que facer unha política de primeiro nivel, coas mellores políticas públicas nun tempo excepcional”.
Así, chamou a facer da Comisión un “instrumento útil” que aproveite os fondos procedentes da UE para traballar nas grandes liñas de reactivación da economía galega “priorizando aos sectores que permiten xerar emprego, apoiando aos sectores como o naval, a industria ou a automoción, así como acompañando a actividade de dixitalización e transición económica”.
VONTADE DE ACORDOS
Gonzalo Caballero chamou a manter o espírito de consenso que deu luz a este órgano e advertiulle “ás forzas parlamentarias e, nomeadamente, ao goberno da Xunta” que “non é o momento de aplicar o rodillo, senón de poñer ideas e propostas para ter que despregar todas as capacidades da Xunta en tempos tan complexos” co horizonte da reactivación do crecemento e da xeración de emprego.
Anunciou “hoxe mesmo” os primeiros contactos preliminares para perfilar un plan de traballo “lonxe de escenarios de demagoxias e plantexamentos populistas” e preto dun “plantexamento de traballo con rigor, seriedade e realismo”.