O secretario xeral denuncia “inacción” da Xunta en materia económica, demografía e emprego, “abandono” do territorio e “desmantelamento” dos servizos públicos
Santiago, 2 de setembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe no Parlamento para marcar as liñas de traballo do curso político que acaba de comezar e, así, anunciou “unha oposición contundente” e “con alternativas, con sentido de país e con responsabilidade”. Todo iso, co obxectivo de “poñer fin ao ciclo político de Feijóo” e de “poñer a semente dun novo tempo político para Galicia”.
“Traballaremos con toda a forza para plasmar que hai alternativa”, recalcou o tamén presidente do Grupo Parlamentario Socialista, convencido de que o balance da Xunta nesta lexislatura é “un suspenso para os intereses da maioría da cidadanía”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero concretou que ese “suspenso” plásmase nos distintos eidos da acción do goberno galego, e centrouse na “inacción” amosada en materia económica, no que atinxe á creación de emprego e na revitalización demográfica; no “abandono” do desenvolvemento territorial dun Feijóo convertido en “inimigo político das cidades” e que ten “esquecido” o medio rural; e no “desmantelamento” dos servizos públicos, nomeadamente a sanidade.
“Feijóo deixa unha Galicia con menos xente, coa poboación máis envellecida e con menos posibilidades de futuro para a xente nova”, resumiu o líder do PSdeG a “agonía” que deixa “un goberno sen iniciativa e sen un presidente dedicado” á súa tarefa.
“Feijóo pasou a metade da lexislatura quitando pétalos da margarida para decidir se quedaba ou se marchaba, se a súa prioridade era o PP ou o PP de Galicia, e non traballou nin na axenda lexislativa nin no goberno galego”, recalcou Gonzalo Caballero, quen chamou a mobilizar “á nova maioría social” que amosaron as recentes convocatorias electorais para “posibilitar o cambio” en Galicia.
NOMEAMENTO DE AGUSTÍN HERNÁNDEZ
En paralelo, preguntado polos xornalistas sobre o nomeamento de Agustín Hernández como presidente do CES, Gonzalo Caballero reprobou que “Feijóo utiliza as institucións para colocar aos seus amigos” e “con fins partidistas que interesan ao PP”.
Tras recordar que así o fixo con Corina Porro, a quen situou á fronte da delegación da Xunta en Vigo, agora recorre a Agustín Hernández, quen “non ten o perfil técnico e profesional axeitado” para o cargo e “nin tan sequera pasou o duelo necesario trala derrota en Santiago”.