O secretario xeral presenta na Coruña as candidaturas ao Congreso e ao Senado pola provincia: “Un equipo no que a cidadanía pode confiar”
A Coruña, 25 de marzo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou esta mañá na Coruña as candidaturas ao Congreso e ao Senado pola provincia, “un equipo no que a cidadanía pode confiar para impulsar o proxecto socialista e acadar un avance importante en votos e en representación”.
Nese contexto, o líder dos socialistas galegos sinalou a importancia dos comicios do próximo 28 de abril, no que se xoga continuar co proxecto de progreso encabezado por Pedro Sánchez ou a volta ao pasado que representan a dereita e a ultradereita.
É por iso que, despois de que Pablo Casado afirmase que contaría con Feijóo se fose presidente, Gonzalo Caballero advertiu que “nin Feijóo nin Casado deciden”, xa que “a dereita entregouse á ultradereita e decidiu depender dos seus votos”. Por tanto, proseguiu, se Casado fose presidente, sería Abascal “quen decidiría a axenda do PP”.
“Como en Andalucía”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, quen recordou que os andaluces aínda “se están laiando” de no ter acudido ás urnas o día das súas eleccións autonómicas. Por iso “ninguén pode quedar na casa” o 28 de abril, engadiu.
“Nos comezamos esta precampaña con toda a forza e con toda a ilusión”, concluíu Gonzalo Caballero, quen asegurou que os socialistas “daremos a batalla electoral para que Pedro Sánchez acade unha maioría sólida e ampla” e para evitar o retroceso que implica o bloque da dereita maila ultradereita. No caso da Coruña, afondou, as candidaturas socialistas amosan “toda a capacidade”.