O secretario xeral denuncia que o PP está “facendo agonizar” a vida parlamentaria cunha comisión “á carta dos intereses do PP e non dos galegos e das galegas”
Santiago, 23 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe ao presidente da Xunta que “rectifique” a súa postura con respecto á comisión de investigación sobre os recortes na sanidade pública porque “o Parlamento non é o seu sofá” ou un lugar pensado para a súa comodidade, senón o lugar onde ten que ser escoitada a voz da cidadanía.
“Feijóo ten que rectificar”, incidiu o líder dos socialistas galegos, quen reprobou que o presidente pretenda “deixar entrar” na Cámara “só a quen comparece para dicir o que el quere” e non a aqueles que teñen “outro punto de vista” ou “non responden aos ditados do PP”.
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque “está facendo agonizar” a vida parlamentaria ao negar á institución na que reside a soberanía popular “a capacidade de investigación” sobre unha cuestión tan importante como “os efectos dos recortes” na sanidade pública.
“Aplicando o rodillo parlamentario acaba facendo que o Parlamento perda forza e desconecte das necesidades da sociedade galega”, denunciou o secretario xeral do PSdeG, quen rexeitou “unha comisión feita á carta dos intereses do PP” e non dos cidadáns e das cidadás desta comunidade, que queren un servizo público de calidade.
De non producirse unha rectificación, Gonzalo Caballero advertiu de que “unha comisión aniquilada” á que “só acudirán aqueles que conveñen ao PP” non terá a capacidade de profundar nos motivos polos que hoxe a sanidade pública galega está “á cola” dos sistemas médicos de España atendendo á valoración dos seus usuarios. “Porque hai menos persoal, e máis precario, menos camas e menos dereitos”, concluíu.
COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A maiores, o líder dos socialistas galegos puxo en valor “o compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero” cando faltan dous días para a celebración do Día internacional contra esta lacra.
Proba diso, como apuntou, é que o Pacto de Estado contra a violencia machista “activouse nada máis chegar” Pedro Sánchez á Moncloa, cunha dotación de 200 millóns de euros. Son, como dixo, recursos pensados para dar “posibilidades sociais e laborais” ás vítimas e ás súas familias.
Nesa liña de compromiso, Gonzalo Caballero explicou que os socialistas están celebrando estes días numerosos actos enfocados a esta problemática. A modo de exemplo, citou a xornada que terá lugar mañá en Santiago coa presenza da vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García, entre outras participantes.