O secretario xeral do PSdeG agarda que o presidente da Xunta non vaia a Europa “a criticar a España e Galicia” como fixo Feijóo
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, púxolle deberes ao presidente da Xunta de cara a visita ás institucións europeas que fará este luns. Pediulle a Alfonso Rueda que presione á presidenta da Comisión Europea, Úrsulla von der Leyen, pertencente á mesma familia política do PP, que rectifique o “ataque” á pesca de fondo e que tome nota para reducir a precariedade laboral na sanidade galega, como denunciou Bruxelas.
Ante o encontro que Rueda manterá coa xefa do executivo comunitario, Formoso agarda que o presidente da Xunta non acuda ao encontro coa mesma actitude nin coa mesma axenda de asuntos que o líder do seu partido e mentor, Núñez Feijóo, que esta mesma semana aproveitou unha viaxe similar para criticar ao seu país ante as institucións comunitarias.
O número un dos socialistas galegos reprochou ao “pai político de Rueda” que criticara a reforma das pensións de España, acordada con sindicatos e coa propia Comisión Europea, para defender a que está facendo Macron en Francia, que está “incendidando as rúas” e empobrece directamente aos pensionistas presentes e futuros. Para Formoso, este é o reflexo do modelo que quere implantar Feijóo se acada o poder.
Tamén lle puxo deberes o líder do PSdeG a Rueda no que atinxe a Galicia. Refiriuse dun xeito especial a cuestións que afectan a sectores produtivos da comunidade e cuxo centro de decisión pasan por Bruxelas.
En primeiro lugar, solicítalle ao presidente da Xunta que lle reclame “á súa compañeira” de familia política que rectifique o “ataque” da Comisión Europea á pesca de profundidade galega, que afecta de xeito directo ao arrastre e tamén ao palangre. Incide en que esta decisión foi tomada sen análise socioeconómico de como afectará aos milleiros de familias galegas que viven dela e con análises científicos desfasados.
Do mesmo xeito, agarda de Rueda lle esixa a Von der Leyen que permita ao goberno de España esa flexibilización dos PERTEs do automóbil que reclama e do que “depende o futuro de Stellantis en Vigo”, petición que tamén fixo o PSdeG. Un “motor económico do sur de Galicia” que “está en risco se non pode implementar a fabricación dos vehículos eléctricos”, alertou Formoso.
O terceiro aspecto no que se centrou, ven ao fío dos encontros que Formoso mantivo con varios eurocomisarios hai uns meses, no que lle transmitiron a preocupación de Bruxelas pola alta proporción de precariedade laboral no Servizo Galego de Saúde.
É por iso que lle reclama a Rueda que se comprometa co executivo comunitario a rectificar a política laboral do Sergas, “baseada na precariedade e temporalidade”. Unha materia pendente para “devolver o compromiso co país que demostraron, especialmente durante a pandemia”, facendo para este persoal sanitario “unha nova política de estabilización”.