A parlamentaria socialista Noela Blanco acusou hoxe ao presidente da Xunta de “vender Ourense” ao actual alcalde para “comprar votos” do seu partido para manter a José Manuel Baltar na Deputación de Ourense. A parlamentaria socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre as relacións da Xunta e un Concello que se ten convertido en pasto de “cachondeo nas sobremesas nos salóns do país”.
Noela Blanco preguntoulle ao vicepresidente da Xunta pola última declaración do alcalde da cidade que, á saída do xulgado, reiteraba a existencia dunha “mafia policial” na cidade. A responsable socialista lamentaba a falla de resposta de quen é tamén o responsable da Administración da Xustiza e dos corpos de seguridade na Comunidade Autónoma e lembraba que o alcalde está sostido á cabeza do Concello grazas aos votos do PP.
Preguntoulle se “considera normal que insulte aos funcionarios do Concello, aos bombeiros e á policía, que reduza as aportacións ao comercio, suprima ou traslade os principais ciclos culturais da cidade e mesmo obvie as normas democráticas gabándose de non respectar as mocións aprobadas na Corporación Municipal”.
Este modelo de xestión, dixo, corresponde “tal para cal” ao do goberno galego nunha cidade que aínda non ten Residencia de Maiores, Hotel Balneario nin os centros de saúde Mariñamansa e o 21. O mesmo goberno, dixo, que acumula anos de retraso na ampliación do Hospital, nin servizos de Hemodinámica nin Cirurxía Pediátrica 24 horas.
Blanco lamentou que o “amor” que o presidente da Xunta profesaba pola cidade na campaña electoral converteuse nun “amor tóxico e interesado” ao pactar con quen consideraba “letal para Ourense”, provocando “a vergoña mesmo dos votantes do PP que non entenden que os que se tiñan declarado a guerra pasaran a profesar amor eterno”.