O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter incumprido totalmente o seu compromiso de comezos de 2017 de construír unha residencia de maiores en cada unha das sete grandes cidades de Galicia. Na sesión de control ao presidente da Xunta, o criticou o seu deliberado “empeño” en retrasar sine die a política de atención aos maiores.
Advertiu que a xestión do goberno galego aplica de feito un “imposto aos maiores” e provoca “racionamento” a través de listas de agarda, prezos “imposibles” ou “as dúas cousas”. Acusou ao presidente da Xunta de agochar unha axenda en contra da política de atención aos maiores que “ocasiona prexuízos aos que están en lista de agarda, aos que optan por outra prestación e aos que acoden a residencias privadas con prezos máis altos”.
O portavoz socialista centrouse na paralización do Plan “Como na Casa”, anunciado a comezos de 2017 e que incluía sete novas residencias con 900 prazas nas grandes cidades que, dixo, despois foi reducida a 780 prazas e rematar dous anos máis tarde con “só un convenio formalizado e ningún avance” para a construción dos centros.
Fernández Leiceaga recapitulou hoxe sobre os compromisos decrecentes do presidente da Xunta, que comezou prometendo en 2012 2.500 prazas para a Lexislatura e 4.000 ata 2020, en 2016 rebaixaba o compromiso a 1.000 prazas públicas, e finalmente as reducía a 780. Explicou que de acordo co informe de fiscalización do Consello de Contas 2010-15 evidencia que a Xunta non realizou “ningún plan de investimentos en centros residenciais para maiores e dependentes”.
Alertou que “como siga así non vai quedar ningunha, e así seguro que cumprirá co seu compromiso”, ironizou, para lembrar que Galicia ten unha ratio de residencias públicas e concertadas moi por baixo da media española e lonxe das cifras recomendadas pola OMS, que apuntan á necesidade de 12.000 novas prazas incluíndo as privadas.
A realidade, engadiu, é que as persoas maiores e as súas familias aceptan unha prestación económica que non alcanza ao 20 por cento do custe dunha residencia privada. Pero escollen esta solución antes de enfrontarse a case dous anos de agarda entre o recoñecemento do dereito -453 días- e o tempo de agarda para o ingreso -154 días-, e que en moitos casos atópanse lonxe da súa casa.
Xoaquín Fernández Leiceaga esixiulle ao presidente da Xunta un “esforzo público intenso cun calendario realista” logo de “anos anunciando prazas sen dar ningún prazo efectivo para concretalas”. Acusou a Feijóo de priorizar “solucións máis económicas para a Xunta de Galicia pero que afectan negativamente ao benestar dos nosos maiores e trasladan presión a eles e ás súas familias”.