O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe a Feijóo que paralice a Lei de imposición do castelán contra as linguas propias que ten anunciado o líder do seu partido, Pablo Casado. Así o dixo na sesión de control do Parlamento, na que lle reclamou apoio á axenda de 30 transferencias proposta polos socialistas galegos logo de dez anos nos que “non asinou ningunha” nova competencia para Galicia.
O responsable socialista acusou ao presidente da Xunta de poñerse “de perfil” fronte ás “posicións recentralizadoras” de Casado, que vén de propoñer un estatuto subalterno para as linguas propias das comunidades autónomas e eliminar o galego como requisito no acceso á función pública en Galicia. Criticou a pasividade de Feijóo mentres deixa que a axenda imposta pola ultradereita “carcome por dentro aos partidos conservadores e os afasta dos consensos” de décadas.
Fernández Leiceaga lembrou hoxe o discurso de Castelao e a súa defensa do galego como elemento fundamental de Galicia “tal e como a coñecemos hoxe”. Instou ao presidente da seguir ao intelectual galeguista mentres criticou que o seu partido teña aprobado no Congreso unha proposta de Ciudadanos eliminando o galego como requisito para acceder á función pública, que “afortunadamente perderon” por non acadar o consenso mínimo.
Alertou ademais fronte á “contrarreforma fiscal” proposta polo PP, que propón “romper a base fiscal do noso autogoberno” eliminando o imposto de Sucesións e Doazóns, de Patrimonio e de Actos Xurídicos Documentados, o que suporá unha perda de máis de 6.000 millóns de euros.
Advertiu que as propostas recentralizadoras do PP poñen en cuestión “40 anos de progreso, democracia, benestar e convivencia”. Reclamoulle a Feijóo que “diga con claridade que por aí non imos pasar” e que apoie a axenda de transferencias que presentarán hoxe os socialistas galegos con ata 30 materias xa transferidas a outras comunidades autónomas, que inclúen Tráfico, Policía Autonómica, inspección de traballo ou xestión do territorio –a costa ou o catastro-
Ningunha transferencia
Criticou que o presidente da Xunta teña deixado atrás 10 anos de goberno con maioría absoluta sen ter asinado ningunha nova transferencia para Galicia, e de plantexar agora unha lista de supostos agravios co goberno central que “mentres estivo gobernando con Rajoy non resolveu ningunha destas cuestións”.
Ademais, retrucoulle a Feijóo, quen citou a transferencia da AP-9 a Galicia, que “tódolos problemas con esta infraestrutura derivan de que Aznar, con Cascos como ministro de Fomento e vostede no goberno de Galicia amplioulle a concesión ata o ano 2048”. Ademais, lembroulle que “a maioría de Rajoy na Mesa do Congreso bloqueou o debate da transferencia da infraestrutura, e por iso non houbo tempo de facelo agora”, antes da convocatoria electoral.